SEGUNDA PUBLICACIÓN REALIZADA NO MARCO DO PROXECTO AQUALITRANS: ANÁLISE ENERXÉTICA DE ESTACIÓNS DEPURADORAS DE AUGAS RESIDUAIS:
O Instituto Tecnolóxico de Galicia, en calidade de beneficiario do Proxecto Europeo de AQUALITRANS, aprobado no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020, realizou a publicación do estudo de caracterización enerxética de 173 EDAR de Galicia e Norte de Portugal.
O obxectivo da publicación elaborada por Fernando Echevarría Camareiro e Eduardo Fontúrbel Martínez, céntrase en profundar na análise realizada en 10 das 173 EDAR nas cales se levou a cabo un estudo máis exhaustivo que no resto.
A detallada análise levada a cabo nestas 10 EDAR permitiu realizar comparativas de consumos e de indicadores enerxéticos por proceso, o cal axudou a localizar en que procesos concretos existen as maiores desviacións en canto ao uso da enerxía, e por tanto revelou os puntos onde é necesario actuar.
En primeiro lugar explícase a información que foi analizada de forma específica para o subgrupo de 10 EDAR obxecto de estudo:
- Medidas eléctricas in situ con analizador de redes dos principais equipos consumidores.
- Horas de funcionamento anual dos principais equipos consumidores.
- Características eléctricas e especificacións de equipos.
Esta información extra permitiu levar a cabo unha desagregación do consumo enerxético por proceso destas 10 EDAR, tal e como mostra a seguinte figura:
Exemplo de repartición de consumos eléctricos entre os principais procesos nunha das EDAR analizadas.
Principais conclusións:
A análise por proceso que se levou a cabo nas 10 EDAR obxecto desta publicación, foi unha análise máis profunda que o realizado no resto das 173 EDAR.
A diferenza principal foi que para estas 10 EDAR realizáronse visitas a planta e tomáronse medidas in situ, o cal proporcionou resultados interesantes:
- Permitiu coñecer en que procesos concretos e ata en que equipos existen os maiores desvíos de consumo enerxético.
- Poder comparar rendementos de procesos entre depuradoras permitiu localizar onde se atopan as principais deficiencias desde o punto de vista enerxético.
- Estudáronse diversas medidas de melloras aplicables aos problemas concretos atopados nas EDAR analizadas.
- Permitiu desmitificar algunhas das medidas de mellora habituais como o uso sistemático de variadores de frecuencia en bombeos.
- A monitorización das medidas de mellora adoptadas permitirá avaliar o impacto real que estas teñen na eficiencia enerxética da EDAR.
O consumo enerxético da depuración de augas supón o 1% da enerxía consumida na UE, polo que a mellora da eficiencia enerxética neste sector debe ser unha prioridade. Comparar rendementos enerxéticos para logo analizar aquelas plantas ou procesos onde se producen os maiores desvíos revélase como unha opción de gran utilidade para mellorar a eficiencia enerxética das EDAR.