A CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE PARTICIPA NA 3º XORNADA DE CAPACITACIÓN TÉCNICA DO PROYECTO AQUALITRANS
A Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia organizou a terceira xornada de capacitación técnica do proxecto AQUALITRANS, celebrada en Nigrán, que contou con 33 asistentes, entre os que se atopaban xestores de EDARs.
Esta sesión de carácter eminentemente técnico tivo como obxectivo a capacitación de profesionais relacionados coa xestión de estación de depuradoras de augas residuais.
O evento contou coa relevante participación da Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia. Ethel Vázquez destacou a importancia que o proxecto AQUALITRANS ten para a Consellería como parte do plan de acción que a Xunta e Augas de Galicia desenvolven para garantir un correcto mantemento e explotación destas infraestruturas críticas dentro do funcionamento do ciclo integral da auga. Vázquez Mourelle apuntou a axuda inxente que a Xunta de Galicia lles presta aos concellos de Nigrán e Gondomar ao asumir a xestión das súas depuradoras de augas residuais e reclamou implicación das deputacións provinciais nesta labor de apoio aos municipios. Destacou que a Xunta aposta por poñer unha ferramenta ao dispor das entidades locais para, entre todos, aproveitar as economías de escala que se producen ao xestionar varias instalacións ao mesmo tempo co obxectivo de profesionalizar máis o servizo prestado á cidadanía, pensando sobre todo, nas instalacións máis pequenas.
A xornada comezou ás 10 h coa recepción de asistentes, e contou con cinco módulos formativos: o primeiro relatorio foi realizado por parte do INEGA, describindo o potencial de eficiencia enerxética das EDARs. En segundo lugar, o ITG presentou as ferramentas web para a xestión avanzada de EDARs. Posteriormente, INEGI expuxo os plans de mellora enerxética de EDARs elaborados no Norte de Portugal e para concluír, Augas do Porto e Augas de Galicia presentaron as experiencias piloto desenvoltas en Portugal e Galicia.
A programación incluíu unha visita guiada á EDAR de Nigrán na que o público asistente puido ver de primeira man as melloras implantadas na devandita EDAR.
Esta sesión de formación enmárcase na actuación do proxecto 4.3, que contempla a capacitación de profesionais sobre os que se pretenden mellorar as súas competencias relacionadas coa eficiencia das estacións depuradoras de augas residuais.
A última xornada de capacitación prevista no proxecto celebrarase o vindeiro mércores 27 de novembro nas instalacións da ETAR do Freixo en Porto.
FOTOGRAFÍAS DA XORNADA: