AQUALITRANS, LIDERADO POR AUGAS DE GALICIA, PRESÉNTASE NO CUME DO CLIMA COMO EXEMPLO DE LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO
O proxecto europeo Aqualitrans pretende reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2 das diferentes EDARs de Galicia e do Norte de Portugal
No Cume do Clima destacouse o compromiso de Augas de Galicia por incluír, entre as súas prioridades, os temas ambientais
O proxecto europeo Aqualitrans, liderado por Augas de Galicia, foi un dos protagonistas do Cume do Clima, que se celebrou en Madrid ata o día 13 de decembro. Concretamente, Aqualitrans, que forma parte do programa Interreg España-Portugal (POCTEP), presentouse neste foro como un exemplo de cooperación europea que está a axudar a combater o cambio climático. Así quedou de manifesto durante a mesa de debate sobre educación ambiental, coordinada polos membros do grupo #EA26.
Por outra banda, na mesa de debate destacouse a necesidade de situar os temas ambientais nas axendas políticas para facer fronte á emerxencia climática, unha prioridade que xa teñen presente as entidades beneficiarias a través de diferentes actuacións. Unha delas é, precisamente Aqualitrans, que xorde do compromiso de divesas organizacións de Galicia e o Norte de Potugal para crear un modelo enerxético sustentable para as EDARs (Estacións Depuradoras de Augas Residuais) da Eurorrexión.
Cunha previsión de 25.000 asistentes, o Cume do Clima de Madrid converteuse nunha plataforma para dar a coñecer o traballo realizado a favor do desenvolvemento sustentable.
Reducir as emisións de CO2, compromiso europeo
Aqualitrans, cofinanciado con fondos europeos e dotado con case un millón de euros, pretende mellorar a eficiencia enerxética do proceso de depuración de augas residuais. Unha das súas prioridades é lograr baixos consumos enerxéticos e reducir as emisións de CO2. Por outra banda, o proxecto aspira a optimizar os recursos mediante o uso das TICs.
O proxecto europeo, liderado por Augas de Galicia, conta coa participación do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI).