9ª REUNIÓN DOS SOCIOS NO PROXECTO AQUALITRANS: PREPARACIÓN DAS TAREFAS FINAIS DO PROXECTO:

O Ente Público Augas de Galicia convocou aos socios no proxecto europeo AQUALITRANS – INEGA, ITG, Águas do Porto e INEGI – para avaliar os avances en cada unha das accións do proxecto e preparar as tarefas finais.

A reunión tivo lugar o pasado mércores 25 de setembro en Vigo na Delegación da Xunta de Galicia.

AQUALITRANS ten como obxectivo crear un modelo enerxético máis eficiente e sostible para as EDAR (Estacións Depuradoras de Augas Residuais). Neste proxecto de ámbito transfronteirizo traballan entidades de Galicia e Norte de Portugal.

Augas de Galicia, como beneficiario principal, liderou o encontro en Vigo, no que foron analizados os avances do proxecto e determinadas as próximas tarefas.

O proxecto ten acadado un exitoso nivel de execución, contando con 10 actuacións técnicas finalizadas das 12 previstas no proxecto, e centrará os seus esforzos na avaliación da eficiencia na operación de EDARs e ETARs, a elaboración da guía de mellores prácticas na operación de EDARs e ETARs e na capacitación de profesionais.

No caso da capacitación, prevese realizar catro sesións formativas de carácter técnico, dúas en Galicia e dúas no Norte de Portugal, durante o mes de novembro.

Ademais, os socios acordaron a solicitude dunha prórroga que estenda o proxecto tres meses máis para poder levar a cabo accións de difusión como a xornada de clausura, a elaboración dunha memoria audiovisual cos resultados do proxecto, e para o peche administrativo do proxecto.