OS SOCIOS DO PROXECTO AQUALITRANS CELEBRAN OS RESULTADOS OBTIDOS NA XORNADA DE PECHE

O proxecto europeo Aqualitrans, liderado por Augas de Galicia, mellorou a eficiencia enerxética de cinco depuradoras de Galicia e unha do Norte de Portugal

Os resultados evidencian que o potencial de aforro enerxético en EDAR da Eurorrexión podería chegar a supoñer reducións no consumo enerxético ata un 25%, que representa un custo aproximado de 3,5  M€ e, ademais, poderíase evitar a  emisión á atmosfera de 12.500 toneladas de CO2 ao ano

As entidades beneficiarias do proxecto asinaron un protocolo de colaboración para garantir a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal nesta materia durante os próximos anos

Porto, 29 de xaneiro de 2020. O proxecto europeo Aqualitrans, liderado por Augas de Galicia, conseguiu o obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do proceso de depuración de augas residuais en Galicia e o Norte de Portugal. A redución do consumo enerxético e, a diminución das emisións de CO2 a través da instalación de equipamentos máis modernos nas depuradoras da Eurorrexión é o principal resultado obtido polo proxecto ao longo dos seus máis de dous anos de desenvolvemento.

Concretamente, o potencial de aforro de consumo enerxético das EDAR (Estacións Depuradoras de Augas Residuais) da Eurorrexión estímase, grazas a  Aqualitrans, entre un 20% e 25%. Os técnicos calculan que ese menor malgaste de enerxía tradúcese nun aforro de 3,5 millóns de euros e en 12.500 toneladas de CO2 que deixan de emitirse á atmosfera.

Aqualitrans, que forma parte do programa Interreg España-Portugal (POCTEP), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) instalou proxectos piloto en seis depuradoras da Eurorrexión, cinco delas en Galicia. Concretamente, estes traballos realizáronse nas EDAR dos municipios coruñeses da Pobra do Caramiñal, Cedeira e Ares, tamén se acometeron melloras nas depuradoras de dous concellos da provincia de Pontevedra, Nigrán e Gondomar. No caso do Norte de Portugal, a actuación desenvolveuse na depuradora de Sobreiras en Porto.

Os logros de Aqualitrans presentáronse na cidade portuguesa de Porto. Ao acto asistiron representantes das diferentes entidades beneficiarias, que aproveitaron o evento para asinar un protocolo de colaboración que garanta o mantemento da cooperación entre Galicia e Norte de Portugal nesta materia durante os próximos anos.

 

Aqualitrans, sinónimo de xestión intelixente

Aqualitrans, cofinanciado con fondos europeos, supuxo un investimento de case un millón de euros. O proxecto desenvolveu tres ferramentas informáticas que facilitarán a aplicación de medidas e permitirán unha xestión avanzada no resto de EDAR da Eurorrexión. Para maximizar o impacto dos resultados obtidos, no marco do proxecto  Aqualitrans celebráronse catro xornadas de formación dirixidas a xestores e operadores de estacións depuradoras de augas residuais, que contaron coa participación de máis de cen profesionais.

O proxecto europeo, liderado por Augas de Galicia, contou coa participación do Instituto  Enerxético de Galicia (INEGA), a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia  ( ITG), Águas  do Municipio  do Porto e o Instituto de  Ciência e  Inovaçao  em  Engenharia  Mecânica e  Engenharia Industrial ( INEGI).

 

VÍDEO RESUMO DA XORNADA:

 

FOTOGRAFÍAS: