Novos avances para a eficiencia enerxética das EDAR no marco do proxecto AQUALITRANS
Os socios do proxecto AQUALITRANS reuníronse o pasado 28 de xuño en Vigo para analizar os avances realizados neste programa de cooperación transfronteiriza. O proxecto AQUALITRANS, no que traballan entidades de Galicia e Norte de Portugal, ten como obxectivo crear un modelo enerxético más eficiente e sostible para as EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais).
Augas de Galicia, como beneficiario principal, liderou o encontro en Vigo, no que analizaron os avances no proxecto e determinaron as tarefas pendentes.
Os socios desenvolveron xa un importante traballo de recompilación de datos e plantexamento de solucións. De feito, nestas primeiras fases de traballos elaboráronse estudos relativos ao contexto político e normativo das EDAR na Euro Rexión; ao impacto económico e ambiental derivado da construción e explotación das EDAR; e as solucións tecnolóxicas para mellorar a eficiencia das EDAR.
Entre outras tarefas, ultímase un inventario das EDAR da zona transfronteiriza de titularidade pública, clasificadas polos seus parámetros fundamentais (datos que se recollerán nun Sistema de Información Xeográfico –SIX- accesible vía web)e cuxa información servirá para determinar os plans de mellora nas estacións depuradoras.
Asemade, os socios do proxecto AQUALITRANS acordaron que finalmente poderán implantarse 6 proxectos piloto de mellora enerxética. Concretamente implementarase 1 proxecto nunha instalación de Portugal e 5 proxectos piloto en Galicia, nas EDAR de A Pobra do Caramiñal, Gondomar, Ares, Nigrán e Cedeira. Estas iniciativas, que xorden a raíz dos estudos previos realizados, servirán para mellorar a eficiencia enerxética das depuradoras e optimizar os seus consumos.