Medidas para minimizar as consecuencias das inundacións
O PXRI implica o desenvolvemento dunha serie de traballos nas demarcacións hidrográficas que se actualizan cada seis anos, inclúe as medidas que debe aplicar cada unha das administracións, no ámbito das súas competencias, para acadar o obxectivo previsto de reducir e minimizar as consecuencias negativas producidas polas inundacións, así como un programa concreto de medidas en cada unha das fases: prevención e preparación, protección e revisión e de recuperación.

Medidas de prevención e preparación
As medidas de prevención e preparación entran en xogo na fase previa a ocorrencia dun suceso de inundación. Dentro de esta tipoloxía destacan as medidas encamiñadas a concienciar á cidadanía, evitar o risco na medida do posible e anticiparse a el. Inclúen todas as medidas de planificación que se poden realizar con anterioridade á chegada da avenida para diminuír os seus efectos negativos, por exemplo:
Prevención
- Estudos de inundabilidade
- Ordenación do territorio e urbanismo: fomento de sistemas de drenaxe sostible
- Mantemento e conservación de cauces
- Medidas de autoprotección e adaptación
Preparación
- Conciencia pública e da percepción do risco
- Planificación institucional de resposta a emerxencias de inundacións
- Protocolos de actuación e comunicación entre os organismos implicados
- Sistemas de alerta meteorolóxica e sistemas de medida e predición de temporais mariños
- Sistemas de medida e alerta hidrolóxica
A prevención é a forma máis eficaz e sustentable de reducir o risco de inundación
Medidas de protección
Pola súa banda, as medidas de protección, son as tradicionais e xeralmente están asociadas a actuacións estruturais. O seu obxectivo é protexer á poboación, mellorando a capacidade hidráulica dos cauces, creando zonas de retención e diminuíndo os caudais punta.
Refírese ás medidas que funcionan activamente mentres dure a enchente, xerando unha redución real da intensidade do evento.
- Restauración fluvial, retención da auga e reforestación de ribeiras
- Explotación de embalses durante as avenidas
- Mellora da capacidade das obras de drenaxe
- Reforestación e recuperación de zonas degradadas ou queimadas
- Medidas estruturais: motas, diques, encauzamentos e presas para laminación
As medidas de protección deben ser sempre compatibles co medio natural.
Medidas de recuperación e revisión
Finalmente as medidas de recuperación e revisión, son as que se activan unha vez producida a inundación e permiten axilizar os procesos de recuperación tras a enchente, de cara a minimizar as afeccións producidas e extraer conclusións para mellorar a xestión:
- Obras de emerxencia para a reparación de infraestruturas afectadas
- Promoción de seguros
- Plans de protección civil: estatais, autonómicos e locais
- Avaliación, análise e diagnóstico das leccións aprendidas na xestión dos eventos de inundación
