Que é a pegada hídrica e como reducila?

A auga é indispensable para a nosa vida e tamén para realizar as nosas actividades diarias. Desde que comeza o noso día, ademais da auga que inxerimos ou empregamos para outros usos, indirectamente estamos a facer un uso do recurso hídrico do que moitas veces non paramos a pensar. Desde a auga que empregamos para ducharnos ou no retrete ata a que se emprega no cultivo da horta da que proveñen os vexetais ou nos procesos da carne ata a que se usa na fabricación por exemplo dun pantalón. O que se traduce en que na realidade consumimos máis auga da que pensamos.

Mais, como podemos medir toda esta auga? A resposta é coa pegada hídrica. Esta variable indica a cantidade de auga que é necesaria para a fabricación dun produto. Mídese por unidades de volume coma os litros ou metros cúbicos por cada unidade de produto fabricado ou servizo consumido. A pegada hídrica fainos tomar conciencia do consumo de auga que requiren todas as nosas actividades e sírvenos como punto de partida para comezar a xestionar a nosa auga de xeito máis eficiente.

A pegada hídrica pódese clasificar en tres tipos segundo a orixe da auga que se consume:

  • Pegada hídrica azul: fai referencia ao consumo de auga da superficie e a subterránea.
  • Pegada hídrica verde: enténdese como pegada hídrica verde a cantidade de auga procedente da chuvia e que se aproveita nos distintos procesos de produción, especialmente no sector agrícola.
  • Pegada hídrica gris: é aquel volume de auga doce que se require para absorber os contaminantes que contén para devolver este recurso á cunca de orixe coa mesma calidade coa que se obtivo e todo elo de acordo coa normativa vixente da calidade ambiental e cos parámetros establecidos.

Que podemos facer para reducir a pegada hídrica e facer un uso máis responsable da auga?

Co paso do tempo a poboación foi incrementando e tamén o consumo da auga. Non obstante aínda que hai moita auga no planeta so unha pequena parte é apta para o consumo, unha cantidade que se mantén a pesares de que aumentara o seu consumo, polo que non e un recurso inesgotable. Temos que coidalo e preservalo.

Aínda que reducir a cantidade de auga que empregamos indirectamente estea principalmente nas mans dos produtores, depende tamén de nós como consumidores. As nosas eleccións e as nosas prácticas cotiás poden influír nese consumo e reducir a nosa pegada hídrica, para o que podemos aplicar algúns dos seguintes consellos.

Alimentación sostible

No tocante á nosa alimentación podemos elixir alimentos de proximidade que se produzan preto do noso fogar,  ademais de aumentar o consumo de vexetais sobre a carne, da que o seu proceso de fabricación emprega moita auga. En definitiva, é moi importante coñecer os procesos de fabricación para optar por alimentos dos que a súa elaboración conleve un gasto de auga menor.

Prácticas sostibles no fogar

Nos nosos fogares empregamos grandes cantidades de auga desde que nos levantamos pola mañá ata finalizar o día. Aplicando prácticas máis sostibles como facer duchas máis cortas, ou arranxar posibles fugas das tubaxes, supón aforrar enerxía nos procesos de canalización e depuración das augas.

Aforra enerxía

Na casa podemos aforrar enerxía empregando electrodomésticos de eficiencia enerxética como poden ser a lavadora ou o lavalouzas. Ademais de empregar este tipo de electrodomésticos é importante mantelos apagados cando non se estean empregando. Consumir unha menor cantidade de enerxía supón producir menos, e diminuír a auga que se emprega nese proceso. Un bo xeito de protexer o medio ambiente e a nosa auga é o de apostar por enerxías renovables.

Reduce, reutiliza e recicla

Emprega a regra das 3R: reduce, reutiliza e recicla. Tanto menor sexa o noso consumo de novos produtos e servizos, menor será a nosa pegada hídrica e maior será a contribución da auga no mundo. Na produción de todo produto usase auga de xeito indirecto, polo que se compramos menos e levamos a cabo un consumo máis responsable, afórrase máis auga da que pensamos.