Aula do futuro ou futuro na túa aula?

Aula Nova é un espazo de aprendizaxe versátil que está inspirado, en parte, na proposta da “Aula do futuro”, podemos definila como unha idea híbrida onde conflúen os espazos maker, os laboratorios de fabricación dixital e as aulas innovadoras. A nosa aula combina unha visión tecnolóxica e metodolóxica cun alto compoñente maker que tende pontes e colabora con outras iniciativas encamiñadas a transformar espazos educativos e introducir novas experiencias inspiradoras nos centros de ensino.

Aula do futuro (Adf) é  unha iniciativa europea que xorde da alianza e colaboración entre European Schoolnet Academy en Bruselas e un grupo de empresas tecnolóxicas punteiras tendo como obxectivo principal crear un gran espazo de ensinanza e aprendizaxe novedoso, tecnolóxicamente ben dotado, que poda exportarse, reproducirse ou adaptarse ás nas nosas aulas. A idea desta aula non é so introducir tecnoloxía, vai máis aló xa que a tecnoloxía por si mesma non aporta moito se seguimos facendo o mesmo nelas ou temos os mesmos esquemas, ten que levar asociado un cambio de estilo, unha nova visión do espazo físico tendo presente un cambio metodolóxico apoiado na tecnoloxía. Esta combinación poderosa potencia a situación do alumnado nunha posición activa e participativa sendo o eixo da transformación dun modelo educativo tradicional nun modelo máis competencial..

A proposta belga de Future Classroom Lab contempla un espazo reconfigurable con 6 grandes zonas para o desenvolvemento de investigacións, experimentación e intercambio de ideas. Estas seis zonas son:

  1. Presentar
  2. Compartir
  3. Crear
  4. Desenvolver
  5. Interactuar
  6. Investigar

 

Acompañando a esta proposta de distribución do espazo físico podemos atopar un conxunto de ferramentas con 5 apartados que poden ser de axuda ao docente ou centro educativo interesados en transformar a súas clases. O kit segue unha interesante secuencia de traballo para desenvolver un proxecto de modificación de espazos educativos, nela podemos destacar os seguintes puntos recollidos na liña de tempo:

  1. Identificar interesados e tendencias educativas
  2. Creación de modelos de madurez
  3. Creación dun guión pedagóxico
  4. Deseño de actividades pedagóxicas innovadoras
  5. Avaliación da innovación
Secuencia de traballo (preme na imaxe)

As veces resulta complexo levar a cabo unha transformación das nosas aulas por problemas económicos, de espazo ou de colaboración de equipos de traballo pero tentamos traer o futuro a todas elas, pode ser cunha remodelación parcial, incorporando recunchos de aprendizaxe ou empregando outros espazos comúns infrautilizados. Neste complexo curso quizáis non é momento de avanzar pero si podemos reflexionar cara a onde queremos levar as nosas aulas, aproveitar para formarse nas áreas específicas, inspirarse en propostas doutros centros ou organismos e nutrirse de ideas. As situacións de aprendizaxe que agora mesmo temos non son as máis adecuadas pero temos que ter unha visión máis lonxana  e converter o problema nunha oportunidade de desenvolvemento educativo, anímaste a ir máis aló?

“No medio da dificultade reside a oportunidade” Albert Einstein