Alumnos do CEIP Manuel Respino da Rúa participan nunha actividade cos voluntarios de Xacobeando

Dende comezos do mes de setembro A Rúa acolle a un grupo de voluntarios do Corpo Europeo da Solidariedade, dentro do programa Xacobeando. Son xoves de diferentes países que colaboran en accións de conservación e difusión das rutas de peregrinación a Santiago, neste caso o Camiño de Inverno.

Coordinados por Ricardo Sieiro, colaboran en aspectos como a concienciación ambiental ou a posta en valor do patrimonio cultural e natural, que precisamente poñían en práctica na mañá deste venres 7 de outubro cun grupo de alumnos do CEIP Manuel Respino.

Con saída no propio centro escolar, o grupo percorreu unha parte do Camiño de Inverno, céntrandose e traballando en diferentes aspectos. “Fomos pola ruta alternativa, polo monte por riba da estrada N-120 e, como tamén traballamos o tema da sostibilidade, fomos limpando a zona”, puntualiza Ricardo.

Unha experiencia máis tanto para os cativos como para os voluntarios.