Memoria da industria, memoria do mar

Esta modalidade de participación no programa de Educación Patrimonial está promovida e coordinada pola Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar-Museo ANFACO.

A finalidade é dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio industrial dentro do ámbito dos traballos marítimo-pesqueiros, isto é, o patrimonio industrial vinculado á transformación dos produtos do mar. Trátase dun sector que mantén a súa vitalidade hoxe en día, pero o seu gran legado material e inmaterial está sometido a un proceso de degradación e perda na construción dos procesos territoriais e de identidade común. É necesario fomentar a valorización e activación do patrimonio cultural e industrial xerado polo sector transformador dos produtos do mar, promovendo a concienciación do seu contorno industrial marítimo-pesqueiro para a súa recuperación a través das emocións, do respecto pola memoria do traballo e a dignificación da labor dos seus predecesores/as, así como o legado tanxible e intanxible herdado. A través da difusión do acervo do patrimonio industrial marítimo-pesqueiro, pódese acadar unha mellora no coñecemento das achegas que derivan da cultura do traballo, indubidablemente vinculadas a valores históricos, técnicos e científicos, sociais, estéticos, arquitectónicos, paisaxísticos e simbólicos.

O obxectivo final é promover a necesaria sensibilización da comunidade educativa cara ao noso patrimonio industrial como paso esencial para a súa conservación por parte das xeracións futuras. Búscase implicalos directamente en cuestións de reciclaxe e uso de espazos industriais locais ou na recuperación da memoria oral do traballo, así como no papel fundamental das mulleres traballadoras do mar, como campo de actuación dotado de enorme potencia e visibilidade para actuar como un eixe estruturador de accións de investigación, creación, difusión e dinamización.

A participación nesta modalidade contribuirá a que a comunidade escolar coñeza mellor o patrimonio industrial e as raíces socieconómicas dos seus contornos, non como bens illados senón integrados no seu contexto territorial, con elementos fráxiles e vulnerables, en ocasións incomprendidos, considerados como un novo ben cultural representado e interpretado a través dunha lectura actualizada, integrada, científica e divulgativa.
A participación implica o desenvolvemento dun proxecto aberto e libre (audiovisual, blog, web…) que teña como finalidade a divulgación do patrimonio industrial e dos valores culturais. Valorarase que supoñan unha intervención sociocomunitaria: participación na organización de roteiros, de labores de valorización, creación de comunidades virtuais de concienciación… que contribúan á concienciación da comunidade.

Este curso contamos coa participación do IES Campo de San Alberto de Noia co proxecto “Memoria salgada da ría de Muros e Noia. Proxecto multimedia e interdisciplinar”.