A NOSA FRONTEIRA, PASADO E PRESENTE

Atopámonos nunha das máis antigas e extensas fronteiras de Europa e do Mundo. Dende que Portugal naceu como reino no século XII, o río Troncoso sinala o punto fronteirizo máis setentrional da fronteira galaico-portuguesa.

Case 900 anos nos que, malia ser Padrenda punto baixo vixilancia, sempre nos mantivemos moi preto dos nosos veciños. De feito, malia que as autoridades sempre queren observar e fiscalizar os movementos que cruzan as fronteiras, sempre se mantivo un estreito contacto entre ambos lados da raia.

Aqui a fronteira non presenta obstáculos naturais considerables, asemade a lingua e a cultura de galegos e portugueses amosan moitas semellanzas. Xa que logo, as relacións humanas nunca se viron interropidas pola raia é, de feito, moita da nosa veciñanza aquí en Padrenda ten as súas raíces en Portugal.

Mesmamente, os intercambios entre un e outro lado da raia axudaron a superar as peores circunstancias. Por exemplo, durante a Guerra Civil española (1936-1939)moitos dos perseguidos puideron fuxir a través da fronteira e xa na posguerra a pobreza foi menos dura deste lado da raia grazas aos produtos coloniais portugueses que a cruzaban: plátanos, café, azucre de cana… que entraban en Padrenda mediante as cadeas de contrabando, por suposto. Algúns anos despois as circunstancias obrigarían a agachar non só as mercadorías, se non tamén á xente, cando moitos mozos portugueses escapaban do seu recrutamento para a guerra colonial en Angola ou Mozambique.

No século XXI, as circunstancias mudaron a partir da recuperación da democracia, a integración de ambos países no mercado común europeo e o establecemento de tratados da Unión Europea que implican que a fronteira xa nunca máis nos separa. Porén, a raia mantense ben sinalizada na fermosa estrada internacional que transita a través dela.

Tristemente, o paso permaneceu pechado debido á pandemia durante varias semana seguidas en 2020 e tamén en 2021, pero a partir da superación da pandemia a nosa raia segue a ser un nexo de unión e desexamos que o contacto entre Galicia e Portugal nunca se volva pechar.

Imaxe: Ponte sobre o río Troncoso na fronteira de Pontebarxas en 1924.

Padrenda é o último concello galego da chamada raia seca. Alén do noso pobo, será o pai Miño quen marque a fronteira, denominada xa como raia húmida.

Padrenda comparte unha vasta liña de fronteira co concello arraiano portugués de Melgaço. Esténdese dende as encostas da serra do Xurés, á altura da localidade de Azoreira (a 870 metros de altura), onde unha estreita estrada cruza a raia, ate o propio Miño, onde desemboca o río Troncoso (que sinala o derradeiro tramo de fronteira), á altura da aldea de Pontebarxas.

Imaxe: estrada que conduce á fronteira.

Unha sinuosa estrada atravesa hoxe en día a raia á altura de Pontebarxas. Podemos obsevar a ponte sobre o río Troncoso e mailo posto da Garda Civil vistos dende o lado portugués da fronteira. A vía descende ate aquí dende a freguesía de Cristóval, a derradeira localidade lusa antes de cruzar.

Ao fondo da imaxe observamos o posto da Garda Civil en Pontebarxas e en primeiro termo a caseta da Garda Nacional Republicana. Durante o século XX, existían as respectivas alfándegas para o a fiscalización do paso de mercadorías a ambos lados da raia.

A da facenda española localizábase uns 200 metros da raia, nunha das primeiras casas casas de Pontebarxas. 

A alfándega portuguesa estaba a menos dun quilómetro, no centro de Cristóval.

Lamentablemente, unha vez desaparecidas as alfándegas, ambos edificios caeron no abandono, aproximándose a un estado ruinoso xa case irreversible.

Imaxe: Sinais de benvida a Portugal e mailo municipio de Melgaço unha vez cruzada a fronteira.

Imaxe: Vista de parroquia de Padrenda dende o lado portugués da raia.