AS CELEBRACIÓNS DO NADAL EN PADRENDA: o Grupo “XERMOLARA”

Nos festexos do Nadal en Padrenda nunca falta o grupo XERMOLARA, composto por alumnado do CPI Padrenda-Crespos e que ano tras ano interpreta as panxoliñas e felicita á veciñanza polas festas.

Xermolara@ naceu no ano 1987, vencellado ó colexio de Padrenda, contando co impulso decisivo de Benito Fernández Ferreiro, párroco de Crespos e profesor de relixión naquela altura. A primeira ocasión na que o noso alumnado actuou foi nco gallo do IX Festival da Canción Misioneira, celebrado na Cidade dos Muchachos de Ourense, acadando nese ano o terceiro premio, feito que serviu de empuxe para seguir traballando ata o día de hoxe. De feito, ao longo destes anos o grupo acadou, neste festival, 13 primeiros premios, 4 segundos e 4 terceiros, ademais de 14 premios á mellor letra e 6 á mellor música.

Xermolara participa nas celebracións de Nadal de distintas parroquias do concello e das limítrofes, percorrendo tamén as distintas vilas da provincia (Celanova, Xinzo, Verín, Ribadavia, Carballiño), nas que se celebraron festivais musicais de Nadal, así como as da propia cidade de Ourense.

As súas cancións, compostas sempre en galego, foron nestes encontros valoradas pola súa música e instrumentación, e conseguindo nalgunhas ocasións estar entre as mellores cancións escollidas.

Xermolara ten estado moi vinculado ao CPI de Padrenda-Crespos durante moitos anos, onde se ensaiaba tódalas semanas, pasando despois as xuntanzas á Casa Rectoral da parroquia de Crespos.

O grupo permanece grazas á implicación do alumnado do colexio e as súas familias, xunto á dirección de Benito Fernández Ferreiro, polo que foron participando, ano tras ano, un promedio de 45 rapaces e rapazas ata que nos derradeiros anos foi diminuíndo conforme tamén se foi reducindo a poboación en idade escolar destas terras da raia, quedando na actualidade 13 membros, que seguen a participar, cada ano, nas distintas celebración e festas das parroquias da contorna.