Dende A Pastoriza para o mundo

A historia do Concello da Pastoriza remóntase á prehistoria, xa que os primeiros restos arqueolóxicos datan desa época, pero sóbrannos motivos para realizar un proxecto que poña en valor o seu patrimonio tanto natural (a lagoa de Fonmiñá, en Terras do Miño, declarada reserva da biosfera), como histórico, xa que son abundantes os xacementos arqueolóxicos da época prehistórica e castrexa, como o Castro de Saa (recentemente escavado), a gran cantidade de necrópoles con túmulos megalíticos e incluso os vestixios galaico-romanos (a estela do Castro das Croas). Por outra parte, e ligado ao patrimonio natural e histórico, contamos co patrimonio literario e inmaterial, como son as lendas relacionadas coa lagoa de Fonmiñá ou os poemas que Aquilino Iglesia Alvariño dedicou a estas terras, por citar algúns exemplos.

Partindo desta riqueza patrimonial e do feito de que a presenza de pobos celtas como os castrexos ou o propio topónimo da vila de Bretoña (Britonia) nos achega a outros países como Irlanda, a Bretaña francesa ou o norte de Portugal, andamos á procura de socios destas latitudes interesados en estudar, compartir e comparar as nosas culturas. O noso proxecto consistirá na elaboración, por parte do alumnado e en colaboración con alumnado doutros países, de pequenos proxectos multilingües tales como folletos turísticos, vídeos ou audioguías nos que dean a coñecer o patrimonio da súa contorna. Atopámonos xa co proxecto bastante definido, á espera das achegas que poidan facer os nosos socios, con todas as altas na ESEP en regra e, nesta semana, co asesoramento das nosas embaixadoras, contamos facer a solicitude en eTwinning para a súa aprobación.

Seguimos traballando!