(Galego) Charlas do alumnado de 3ºESO aos seus compañeiros de 1º, 2º, 4º ESO e ao profesorado sobre a olaría de Gundivós

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego.

Os alumnos/as de 3ºESO estiveron moi atarefados as dúas últimas semanas do mes de maio explicando aos seus compañeiros/as de 1º, 2º, 4º ESO e aos profesores, o que aprenderon durante este curso sobre a olaría de Gundivós. Divididos en grupos (oito en total!), foron explicando clase por clase (e aos profesores nun recreo) distintos aspectos do seu traballo: comezaron explicando desde cando a Ribeira Sacra é BIC e por que retirou a súa candidatura en xuño do ano pasado para ser nomeada Patrimonio da Humanidade; continuaron cunha breve historia da olaría de Gundivós, como se elaboraban os cacharros (extracción e preparación do barro, tipo de torno empregado, decoración, que é “capar a peza” ou en que consiste a técnica de churros), como eran os fornos para cocer os cacharros, a tipoloxía dos mesmos (ámboas, xarros, barreñóns, barreñas, meleiras, boleiros, olas, etc), por que teñen esa cor negra característica (mate por fóra e brillante por dentro) que fai distinguir as pezas de Gundivós do resto da olaría tradicional, como identificaban os oleiros as súas pezas, etc. Tamén analizaron as semellanzas e as diferenzas con outros centros oleiros tradicionais da Ribeira Sacra (Niñodaguia, provincia de Ourense) e fóra da Ribeira Sacra (Buño, na provincia de A Coruña, e Bonxe na provincia de Lugo).

Cada unha das exposicións rematou cun aplauso, por suposto moi merecido, por parte dos oíntes.