(Galego) O patrimonio de Ames ao longo do tempo en relación con tres camiños de Santiago

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego.

A investigación deste curso no Proxecto Educación Patrimonial do Plan Proxecta proseguiu co estudo do propio centro como elemento patrimonial e retomou o estudo da paisaxe cultural do municipio de Ames que tivemos que poñer en pausa o curso anterior por mor da pandemia de Covid-19. Este curso decidimos facer unha viaxe ao longo do tempo e elaborar un roteiro que nos levara polas paisaxes culturais máis relevantes desde a Idade Media ata a actualidade en relación cos tres camiños de Santiago que pasan polo municipio de Ames: O camiño de Fisterra-Muxía, o camiño portugués, e, o recentemente recuperado, camiño de Muros-Noia.

Ademais de realizar esta investigación ao longo do curso, tamén levamos a cabo outras actividades en cada un dos trimestres: Imaxes e palabras, O significado do meu nome, Flores para Rosalía, Mensaxes a través do tempo, O que nos contan os muros, Concertos didácticos de música renacentista, barroca e jazz, e Obradoiros de danza renacentista e barroca, swing e baile galego.

Durante o proxecto establecemos sinerxias co Proxecto Terra, tamén dentro do Plan Proxecta, no que se estaba a traballar nos aspectos naturais do centro, e deste xeito identificamos, estudamos e demos a coñecer os valores naturais, materiais e inmateriais do noso instituto.

Este ano recibimos a Sonia García Rodríguez, que realizou un obradoiro sobre o patrimonio e a súa gobernanza.

No proxecto participaron alumnos e alumnas de 4º de ESO principalmente, mais nas conexións que establecemos co Proxecto Terra sumáronse alumnos e alumnas de 1º de ESO e 2º de bacharelato.

Na sección Educación Patrimonial do Blog da Biblioteca Carlos Nieto do centro podedes ver un resumo do traballo feito e no Museo Virtual KaleidoScapes podedes acceder aos resultados das investigacións deste curso.