A ciencia divertida na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller “Rosalía de Castro” de Sta. Cruz (Oleiros)
O mércores 9 de outubro visitounos na Biblioteca “Rosalía de Castro” de Sta. Cruz (Oleiros) Nita Romero cargada cun montón de contos e divertidos experimentos que fixeron as delicias de nenos e non tan nenos. A primeira sesión que comenzou ás 5 da tarde estivo dedicada a nenos e nenas de 0 a 3 anos, comenzamos sentados todos na alfombra escoitando o conto do “Globo vermello” para pasar as mesas e experimentar con globos inflados con vinagre e bicarbonato, facer maxia cun globo que cortamos coas tesoiras e despois inflou Nita, cantamos a canción da Lúa e escoitamos o conto da Estrela de Laura, para debuxar estrelas con paliños e acuarelas e facer arcos da vella con xabrón.
Na segunda sesión para nenos e nenas maiores de 3 anos, escoitamos contos , descubrimos a electricidade estática e a lámpada de lava que nos fixo brilar con luz incandescente, o papel que non se molla na auga…
Unha actividade moi divertida na que os nenos e nenas desfrutaron cos sinxelos experimentos e comprobaron que a ciencia está presente en moitas tarefas da vida cotiá.
Como en todas as actividades que se fan na biblioteca temos unha exposición na entrada da sala infantil onde os asistentes poden consultar información ou levar en préstamo os diferentes libros sobre experimentos, fisica e quimica, natureza aconsellados para cada unha das idades.