Obradoiro “Bibliotecas Animadas” (Stop Motion na Biblioteca municipal Sagrada Familia. Concello da Coruña)
Na Biblioteca municipal Sagrada Familia rematamos o pasado venres 29 de agosto o obradoiro de Stop Motion “Bibliotecas Animadas”, impartido por “Gargallando” (www.gargallando.wordpress.com). Ao longo de catro días, dez rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos afondaron nas súas capacidades creativas facendo, a partir de imaxes fixas, imaxes en movemento mediante a técnica do Stop Motion. Cada grupo de nenos traballou sobre o mundo do cine partindo dun conto da biblioteca seleccionado por eles. Así crearon unha curtametraxe, mediante o uso da literatura, as artes plásticas (dibuxo, plastilina) e a fotografía.
Dende logo os cativos e cativas foron ben puntuais a cotío, e cando chegaban á Biblioteca xa sabían o que tiñan que facer; saudaban á monitora e poñíanse mans a obra. De feito houbo pais que nos comentaron que se acostaban coas ganas de erguerse ao día seguinte e continuar co seu traballo artístico.
Abraiante e moi recomendable.