Sarabela Teatro chega co seu ‘Conto Express’ a Biblioteca de Verín, 10/10/2014
A Biblioteca Pública Municipal de Verín acolleu o venres 10 de outubro, de 18 a 18.45 horas, a iniciativa ‘Conto Express’ de Sarabela Teatro, no marco da programación de actividades destinadas ao fomento da lectura e dinamización da instalación municipal.
A actividade, destinada a un máximo de 50 nenos/as socios/as da instalación, con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos, que tiveron que inscribirse previamente na propia Biblioteca verinense ou no teléfono 988-414776. Ao longo de 45 minutos, os/as asistentes viron como Ranpunzel e Grettel Chanetti chegaban en bicicleta con contos express e precisarán da colaboración do público para axudar a Camilo Comilón a cociñar os alimentos que lle dan os seus amigos e prepararán saborosas receitas. E xa de sobremesa, suxestivos petiscos doces,tirados do libro Contos silenciosos.
A iniciativa ‘Conto Espress’ de Sarabela Teatro está incluída no programa Ler conta moito, e trátase da cuarta actividade deste programa que se realiza ao longo do ano 2014 en Verín, xa que durante o mes de agosto as instalacións municipais foron testemuñas doutras tres actividades lúdico-culturais para menores a cargo de Raquel Galavís, Xanela Ocio e Raquel Queizás.
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais. Con esta programación, a Xunta de Galicia pretende contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir. Ler conta moito ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente. O desenvolvemento destas actividades de dinamización no ámbito da biblioteca reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que as bibliotecas proporcionan.
Todos/as os/as usuarios/as poden informarse tanto na web da Biblioteca http://verin.isum.centromultimedia.net/ilive/, como no perfil da mesma en Facebook https://www.facebook.com/pages/Biblioteca-P%C3%BAblica-Municipal-de-Ver%C3%ADn/104133986331021?=wall de todas as actividades que se programan nesta instalación.