Migallas enche Cambados coa súa merenda de pan de millo
O pasado sábado 18 de outubro, Cambados celebrou por todo o alto o 4º aniversario das novas instalacións da súa biblioteca municipal, na Casa dos Fraga. Grazas ao programa de animación á lectura Ler conta moito puidemos gozar do bo facer de Migallas Teatro.
O Concello de Cambados quería agradecer así un ano máis a todos os seus socios e usuarios a súa asiduidade e amor pola lectura. Sobre todo, querían facelo cos máis implicados, os nenos e nenas do municipio…e a resposta non puido ser mellor!
Asistiron máis de 70 pais e rapaces ao espectáculo “Merenda con pan de millo”. Baseado no Libro-disco Pan de millo, editado pola Editorial Kalandraka , os asistentes puideron divertirse coas cancións, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretaron foron: “Pinocho”, Pan de millo, O piollo e a pulga “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?” e “Miña Abuela Manuela”.
Sen dúbida a celebración foi todo un éxito!