GOCHI NA BIBLIOTECA CENTRAL DE CAMBRE CUN OBRADOIRO DE MANGA
Nas Bibliotecas Municipais de Cambre continuamos co ABRILUSTRADO. Hoxe, 20 de abril, sumerxémonos no mundo do manga co gran especialista na materia, David Prieto (GcChi).
Comeza dándonos unha visión xeral deste tipo de publicacións no pais de orixe: Xapón. Móstranos publicacións xaponesas e comenta as características máis salientables, ata pormenorizar en todo o seu proceso.
A través de diferentes vídeos nos que aparecen os distintos estudios de traballo dos “mangacas”, pódese apreciar o traballo de creación desde o inicio ata o resultado final, pasando polo coloreado e tramado de cada páxina.
Nalgún vídeo podemos apreciar todo o proceso de utilización das tramas, para o que se require moito virtuosismo.
Móstranos tamén in situ os diferentes tipos de plumas, lápis e rotuladores que se utilizan en cada parte do proceso gráfico, así como traballos da súa autoría.
Corrobóranos que os creadores de manga realizan un traballo moi tradicional, moi manual e sen procesos dixitais.
A actividade foi moi ben valorada polos participantes.