Fátima Fernández achega “Os contos da nai da miña nai” aos maiores da Biblioteca de Chapela
Un contacontos cheo de maxia e emotividade o que gozamos na Biblioteca de Chapela a pasada tarde. Varios son os motivos que fixeron de este encontro coa literatura oral unha xornada para ter nos nosos recordos.
En primeiro lugar, porque nos atopabamos na véspera celebración do 50 aniversario das Bibliotecas Municipais de Redondela.
En segundo lugar, e máis especial aínda, polo que supuña para a contadora, a magnífica Fátima Fernández, de cara ao seu regreso ás sesións de contacontos, logo dun tempo de necesario parón. Sentímonos moi ledos por converternos nese escenario máxico para a contadora, que recibiu un recibimento moi caloroso por parte do público.
Pero, quizáis, o motivo máis especial que nos enche de emoción foi atopar a satisfacción dos asistentes á actividade. Ademáis de público que asistía de xeito particular, contamos cun grupo de socios e socias de UDP (Unión Democrática de Pensionistas) de Redondela, que xa teñen repetido a experiencia de asistir aos espectáculos de narración oral connosco, e tamén cun grupo de usuarios de Hermanos Misioneros, de Teis-Vigo, que se achegaban por vez primeira á biblioteca.
Ver e vivir a satisfacción destes participantes foi un motivo de grande gozo para unha rede de bibliotecas que ven de cumprir o medio século.
VER + NO BLOG DAS BIBLIOTECAS: http://bibliotecasredondela.blogspot.com/2018/09/os-contos-da-nai-da-mina-nai-narracion.html