As parábolas de Pakolas retumban na Biblioteca de Santa Cruz (Oleiros)
Din que a música amansa ás feras. A realidade que se viviu na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz coa actuación de Pakolas o mércores 3 de outubro foi de auténtica festa, diversión e baile, moito baile. Nada de feras e nada de calma, o que houbo foi unha morea de nenos e nenas acompañados dos seus pais e nais que saltaban da alfombra nada máis escoitar os primeiros acordes da guitarra. Entre canción e canción, tomaban un respiro para escoitar os contos e divertirse cos disfraces que o narrador ía sacando da maleta. Unha quenlla, unha galiña…son exemplos das distintas máscaras nas que Pakolas se apoiaba para contar as historias que viñan cheas de toques humorísticos. Narracións curtas con contidos éticos, a modo de parábolas, pero sobre todo rock and roll, moito rock and roll.