Trémola Teatro na Biblioteca de Sanxenxo
Que animaliño é? Trémola Teatro na Biblioteca Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo o mércores 16 de outubro.
É esta unha actividade para bebés pequerrechiños, de 0 a 3 anos que se achegan cos seus pais/nais a descubrir novos mundos na biblioteca. É certo! De feito, o máis pequeniño só tiña 15 meses. Aínda que tamén acudiron nenos maiores de 3, e mesmo máis maiores, maiores sí…. 10?…11? (Lembrade que a biblioteca permanece aberta a público)..E pensades que a estes máis grandes non lles gustou? Pois nada máis lonxe da realidade…. Gustoulles tanto como aos pequenos. A nós tamén nos gustou, por certo, e mesmo axudamos a cantar e deixamos que o corpo se arrulara co ritmo das cancións.
Acompañadas de instrumentos musicais: un xilófono e un ukelele e coa axuda dunhas marionetas ben feituquiñas, estas dúas rapazas de Trémola Teatro engaiolaron a todos os asistentes xogando a descubrir os animaliños que se agochaban tras do biombo. Canta empatía e canta facilidade para conectar facilmente co público, facendo participar a todos. Unha actividade feita con moito cariño, tenrura e esmero. Graciñas!