Contos para imaxinar un mundo en Igualdade na BPM de Láncara
“Un día de treboada” foi a primeira historia escollida pola contacontos para introducir ás crianzas nas dúbidas relativas a roles e estereotipos habituais en relación ao mundo laboral e a igualdade. Nenas e nenos participaron activamente xa que se sentiron identificados por eses personaxes do rural e algúns presumiron das mamás que conducen tractores e dos papás que cociñan na casa.
Co conto “Daniela a pirata” de novo se formularon dúbidas relativas aos papeis asignados a mulleres e homes na sociedade. Con moitos voluntarios por quendas, déronlle vida a Daniela, ao Capitán Orella Cortada e a toda a tripulación a modo de pequena obra de teatro improvisada. E ao final… Ben… Se queredes coñecer o final, teredes que pedir o libro na vosa biblioteca!
Vivimos unha sesión de contacontos emocionante e participativa onde se demostrou que nenas e nenos nunca nos deixarán de sorprender coas súas respostas.