A xornada de Cerdedo-Cotobade pon o punto e final aos Plans Municipais de Abastecemento Autónomo de Galicia

O pasado 31 de marzo o auditorio do centro cultural, no municipio de Cerdedo-Cotobade, acolleu a xornada de clausura dos Plans Municipais de Abastecemento Autónomo de Galicia, un evento que pon punto e final ao proxecto piloto desenvolvido conxuntamente en 6 municipios galegos.

En Cerdedo-Cotobade tivo lugar o último acto final do proxecto, que se levou a cabo nas semanas anteriores nos municipios de Mondariz, San Xoán de Río, Baleira, Oímbra e Oia.

Os Plans Municipais de Abastecemento Autónomo son unha iniciativa liderada por Augas de Galicia coa que coñecer e mellorar os sistemas de autoabastecemento en Galicia, infraestruturas clave para garantir o suministro de auga nunha gran parte dos núcleos de poboación de Galicia, especialmente en zonas rurais.

O acto contou coa asistencia de 69 usuarios e usuarias en representación de 46 traídas de autoabastecimiento del término municipal. Asistiron ademáis a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira; e a técnica de Medio Ambiente do concello, Cristina Tomé.

Logo de explicar ás persoas presentes os estudos e resultados obtidos a través deste proxecto, os técnicos de Augas de Galicia entregaron ao Concello de Cerdedo-Cotobade a documentación correspondente ao Plan de Abastecemento Autónomo do municipio, que será a ferramenta clave para a planificación dos sistemas autónomos durante os vindeiros anos. Estes documentos recollen:

  • Diagnose de instalacións de autoabastecemento do municipio. Inclúe poboación abastecida, infraestruturas, problemática, calidade da auga, funcionamento e estado legal das traída, entre outros datos.
  • Resumo de actuacións propostas para manter e mellorar as traídas. Inclúe actuacións por orde de prioridade, investimentos previstos e ratios de investimento, entre outros datos.