BdB. Boletín de Benestar. Boletín Informativo de Política Social, n.º 0 (Xan.-Febr. 2016)
Este novo boletín que inicia a súa andadura pretende ser un foro de información que axude a todos os interesados nas políticas sociais a afondar nun tema que nos incumbe de forma directa como é o benestar social dos nosos cidadáns.
A nosa experiencia levounos a formular novas formas de presentar a información no campo do social. Pretendemos dar a coñecer, non só o que publicamos, senón tamén información elaborada por outras entidades e relacionada con campos específicos relativos á familia, infancia e protección de menores, á dinamización demográfica, á inclusión social dos máis desfavorecidos, á discapacidade, ao envellecemento activo como o mellor xeito de abordar o benestar dos nosos maiores, ao fomento da autonomía persoal, á xuventude, ao voluntariado e a tantos outros temas relacionados coas nosas competencias.
E todo iso, coa finalidade non só de dar a coñecer a actividade desenvolvida pola Consellería senón tamén como un xeito de formar e informar os nosos usuarios.
Trátase dunha publicación de periodicidade bimestral e de carácter dinámico. A súa estrutura e edición en rede permite establecer vínculos con outros documentos de interese para os nosos potenciais lectores.
Esta nova publicación estrutúrase en seccións que axudarán o lector a incidir en distintos aspectos:
A través do espazo Actualidade propoñemos centrar a información nunha nova de especial relevancia de entre as actuacións levadas a cabo por esta consellería e seleccionada de entre as publicadas no portal da Xunta de Galicia. Esta nova irá vinculada a outros enlaces e recursos publicables relacionados co tema proposto. Tamén incluiremos outra información de interese para os nosos usuarios de temática variable pero siempre relacionada coa acción social.
A sección Estatísticas achega información de elaboración propia con datos extraídos de táboas, gráficos, pirámides etc., publicados por organismos de carácter estatal ou autonómico, segundo os casos, e sobre poboación activa, dependente, excluídos, menores ou infancia. Esta información pode resultar interesante á hora de abordar actuacións dentro do noso ámbito competencial.
Por outro lado e dirixido aos profesionais dos servizos sociais, nunha terceira sección, Alertas, intentaremos ofrecer periodicamente, a través de vínculos, unha selección de información bibliográfica sobre campos específicos e temas de actualidade. Será a sección máis extensa e á que lle dedicaremos maior esforzo. Así mesmo, tamén se incluirán nesta sección todas as novidades editoriais publicadas por esta consellería ou de próxima aparición, cun enlace á Libraría institucional, o catálogo de publicacións da Xunta de Galicia.
Na última sección, Normativa, ofrecemos unha recompilación con vínculos aos boletíns ou diarios que publican a normativa específica no ámbito autonómico, estatal e europeo.
É a nosa intención facilitar a formación e accesibilidade informativa a todas as persoas que, dun xeito ou doutro e desde distintas perspectivas, se dedican a axudar as persoas máis necesitadas da nosa sociedade.
Esperemos atender así a finalidade e os obxectivos para os que foi creada esta publicación e, por tanto, non defraudarlas.
Santiago de Compostela, 2016
https://libraria.xunta.gal/sites/default/files/downloads/publicacion/bb_00_2016.pdf