BdB. Boletín de Benestar. Boletín Informativo de Política Social | Nº 12 (Xaneiro-febreiro 2018)

Xa se pode consultar o nº. 12 do BdB. Boletín de Benestar cunha recompilación de novas relacionadas coa actividade desta consellería, Contén tamén, información bibliográfica, estatística e normativa relacionada co ámbito social.


BdB. Boletín de Benestar: Boletín Informativo de Política Social | Nº 12 (Xaneiro-febreiro 2018).  Santiago de Compostela: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Sección de Publicacións e Estatísticas, 2017. ISSN 2445-1932, 54 p.

Boletín informativo de periodicidade bimestral elaborado pola Sección de Publicacións e Estatísticas da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Estrutúrase en varias seccións: Actualidade, Estatísticas, Alertas e Normativa, e ten como principal obxectivo informar verbo das actuacións máis salientables da Consellería no seu ámbito competencial e a información e formación das persoas usuarias.

https://libraria.xunta.gal/sites/default/files/downloads/publicacion/bdb_12_2018.pdf

Neste novo número queremos poñer o acento no elevado interese do fenómeno do despoboamento. Este, unido ao envellecemento da poboación e ao descenso da natalidade constitúen na actualidade un dos problemas máis perentorios aos que nos enfrontamos. En Galicia a brecha existente entre a Galicia occidental, costeira e urbana, fronte á Galicia oriental e interior é xa unha realidade. Se a isto sumamos a dispersión da poboación e o seu envellecemento, o problema, lonxe de se aliviar, agrávase. O Goberno autonómico, consciente da situación, comparte con outras comunidades autónomas intereses comúns; de aí, esta declaración institucional conxunta dos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Aragón e Castilla y León con fórmulas de colaboración no marco dunha nova política de cooperación e de cohesión do Estado autonómico. Esta realidade esixe tamén políticas públicas que incidan na análise dos principais problemas socioeconómicos e territoriais e na posta en marcha de mecanismos que alivien a actual situación. Este é o principal obxectivo do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, de recente creación. Outras medidas adoptadas pola consellería axudarán tamén a reverter esta realidade ao longo deste ano 2018. Bo exemplo delas son: a consolidación do sistema de benestar en Galicia a través da mellora da renda de inclusión social, a extensión dos recursos de atención a maiores e persoas dependentes e a ampliación das axudas ás familias.