BdB. Boletín de Benestar: Boletín Informativo de Política Social | Nº 24 (Xaneiro-febreiro 2020)
Vénse de editar o núm. 24 do boletín, o primeiro deste ano 2020 con novas, estatísticas, alertas e normativas actualizadas de ámbito social
Galicia, Xunta, Consellería de Política Social. BdB. Boletín de Benestar. Boletín Informativo de Política Social. Santiago de Compostela, Secretaría Xeral Técnica, Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Sección de Publicacións e Estatísticas, 2020. Núm. 24 (Xan.-febr., 2020). 55 p.
Boletín informativo de periodicidade bimestral elaborado pola Sección de Publicacións e Estatísticas da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Estrutúrase en varias seccións: Actualidade, Estatísticas, Alertas e Normativa, e ten como principal obxectivo informar verbo das actuacións máis salientables da Consellería no seu ámbito competencial e a información e formación das persoas usuarias.
A política social explora o contexto social e a través das súas políticas públicas contribúe a aumentar ou diminuír o benestar dos distintos individuos ou colectivos que o conforman.
Os cambios sociais producidos nos últimos anos lévanos a analizar cuestións sociais de enorme actualidade como o envellecemento da poboación, os cambios familiares ou a globalización. Este novo enfoque baséase en como a política social afecta a vida das persoas: persoas desempregadas, discapacitadas, dependentes, menores…
Tamén desde esta nova perspectiva se ten en conta a dimensión territorial con múltiples niveis – estatal, autonómico, local, etc.– o que condiciona a aplicación, o desenvolvemento e a implementación das políticas sociais levadas a cabo polas distintas institucións.
É desde esta nova perspectiva como o Goberno galego a través da Consellería de Política Social, deseña as súas políticas públicas no seu ámbito competencial.e sempre contando coa colaboración doutras administracións, institucións ou entidades de ámbito social
Neste sentido cabe destacar os avances experimentados en conciliación e demografía con iniciativas impulsadas no rural como as casas niño, as casas do maior, a gratuidade das escolas infantís para familias con segundos fillos e sucesivos e a aprobación do proxecto da primeira lei de impulso demográfico de España.
Tamén procura atender o envellecemento da poboación na súa dupla vertente – activo e con apoio personalizado – a través de medidas como a elaboración da Estratexia contra a soidade non desexada, a extensión do programa Coidados porta a porta ou a continuación doutros como Xantar na casa ou Axuda no fogar.
Trátase en definitiva de atender as necesidades dos distintos colectivos sociais e acadar o benestar de todos os galegos e galegas.
https://libraria.xunta.gal/sites/default/files/downloads/publicacion/bdb_24_2020.pdf