BdB. Boletín de Benestar: Boletín Informativo de Política Social | Nº 25 (Marzo-abril 2020)

Xa está dispoñible o nº 25 do BdB. Boletín de Benestar con novas actualizadas e con especial atención ao Covid 19


BdB. Boletín de Benestar: Boletín Informativo de Política Social | Nº 25 (Marzo-abril 2020) / Galicia, Xunta, Consellería de Política Social. Santiago de Compostela : Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Sección de Publicacións e Estatísticas, 2020- ISSN 2445-1932. 53 p.

Boletín informativo de periodicidade bimestral elaborado pola Sección de Publicacións e Estatísticas da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Estrutúrase en varias seccións: Actualidade, Estatísticas, Alertas e Normativa, e ten como principal obxectivo informar verbo das actuacións máis salientables da Consellería no seu ámbito competencial e a información e formación das persoas usuarias.

Este último número presta unha especial atención ao Coronavirus

A dinámica social causada polo Covid-19 afecta de maneira consistente todos os sectores da poboación e as consecuencias negativas a futuro, aínda que non son claras, son certeiras.

Os pensadores adoptan posturas distintas ante o mundo que nos vai deixar esta pandemia. Posturas que van desde o optimismo encomiando o labor de institucións e a solidariedade da cidadanía cara a outras posturas que consideran que estas mostras de solidariedade son emocionais e fugaces e que non van cristalizar cara ao futuro.

O que non ten lugar a dúbidas é que a crueza desta crise vivida pola xente obrigará moi probablemente aos gobernos e institucións a tomar medidas drásticas e inevitables nun clima de incerteza. Haberá unha revalorización do Estado de benestar, unha redefinición do papel dos bancos centrais e cambios estruturais nos sistemas de saúde.

En Galicia a pandemia, polo de agora, parece afectar en menor medida que noutras comunidades autónomas pero non por iso debe baixar a garda. Os servizos sociais das distintas institucións: autonómica, municipal, etc. están a se reestruturar e movéndose cara a posicións tendentes a favorecer a protección dos máis vulnerables. Trátase dun cambio estrutural, porque as súas causas tamén o son.

Para cumprir con este requisito, as novas medidas deberán ser inclusivas, flexibles e inmediatas e é por iso que a Consellería de Política Social, consciente deste futuro incerto ao que nos enfrontamos, basea a súa estratexia no deseño e desenvolvemento dunhas políticas que teñen como punto de referencia a inclusión, a flexibilidade e a inmediatez dos acordos que vaia adoptando.

https://libraria.xunta.gal/gl/bdb-boletin-de-benestar-boletin-informativo-de-politica-social-no-25-marzo-abril-2020