BdB. Boletín de Benestar : Boletín Informativo de Política Social | Nº extr. (nºs 16, setembro de 2018–23, decembro de 2019)
Vense de editar un número extraordinario deste boletín que abarca os números 16 a 23 e que, respectando a súa estrutura orixinal, recolle o máis destacado das políticas sociais desenvolvidas pola Consellería durante este periodo de ausencia para retomar de novo a publicación do boletín co calendario co que se iniciou.
BdB. Boletín de Benestar: Boletín Informativo de Política Social | Nº extr. (nºs 16, setembro de 2018–23, decembro de 2019). –– Santiago de Compostela : Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Sección de Publicacións e Estatísticas, 2020. — 56 p. — 30 x 21 cm. — ISSN 2445-1932
Boletín informativo de periodicidade bimestral elaborado pola Sección de Publicacións e Estatísticas da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Estrutúrase en varias seccións: Actualidade, Estatísticas, Alertas e Normativa, e ten como principal obxectivo informar verbo das actuacións máis salientables da Consellería no seu ámbito competencial e a información e formación das persoas usuarias.
Este número extraordinario que presentamos, abarca a publicación do boletín desde o inicio do outono de 2018 ata o final de 2019. Presentámolo como un número acumulativo respectando a súa estrutura orixinal e sintetizando o máis salientable das políticas sociais levadas a cabo por esta consellería ao longo deste período.
Iníciase ese outono de 2018 coa incorporación dun novo equipo directivo ao fronte da Consellería e caracterizado polas políticas continuístas do anterior equipo. Esta continuidade reflíctese no incremento da contía nas axudas á dependencia e á autonomía persoal, no desenvolvemento de programas que melloran o benestar dos nosos maiores e o emprendemento e as capacidades da nosa xuventude. A protección do menor e a ampliación de recursos que favorecen a conciliación e a atención á primeira infancia son tamén obxecto de preocupación dos novos responsables do Goberno galego.
No eido da inclusión, as políticas do departamento desenvolven medidas tendentes a obter as habilidades básicas necesarias para obter a inclusión laboral e a integración social dos máis desfavorecidos.
Por último, e como un novo avance a todo o anterior, o impulso demográfico vese reflectido na elaboración da futura Lei de impulso demográfico, xa en tramitación, e no feito de ter en conta a perspectiva demográfica no deseño e no desenvolvemento das políticas públicas deste departamento.
https://libraria.xunta.gal/sites/default/files/downloads/publicacion/bdb_16-23_2020.pdf