Campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, abre ata o vindeiro día 30 de maio o prazo de presentación de solicitude de praza para participar nos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade.
A responsable do departamento autonómico de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, destacou que estes campamentos permiten gozar, durante 10 días, dunha estadía socializadora e de convivencia, nun espazo lúdico e seguro. Así mesmo, apuntou que este ano as actividades están dirixidas especialmente ao fomento de habilidades sociais, ao contacto coa natureza e o mar, ao coñecemento da propia cultura e á educación para a saúde.
Unha das novidades con relación á campaña do verán anterior é o incremento en 20 prazas, destinadas principalmente ao tramo de idade entre os 19 e os 40 anos que é onde se detectou unha maior necesidade en función das solicitudes recibidas en pasadas edicións.
Outra mellora que incorpora a campaña de 2018 é que se suma unha nova instalación onde desenvolver os campamentos: a Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense. Así as cousas, os equipamentos nos que terán lugar estas accións de verán específicas para persoas con discapacidade son o albergue xuvenil de Gandarío, emprazado no municipio coruñés de Bergondo e que acollerá a temática de natureza e mar; e as Residencias de Tempo Libre de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán, e a antes sinalada do Carballiño. Nestas dúas últimas infraestruturas os campamentos tratarán sobre actividades de teatro e de natureza.
Requisitos e bonificacións
Os requisitos para participar nestes campamentos son, entre outros, estar empadroado nalgún concello de Galicia, ter unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33%, ter unha idade comprendida entre os 11 e 40 anos, non parecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade ou ter unha mobilidade acorde coas características da instalación que se solicita.
O prezo máximo da praza é de 125 euros, importe que se pode reducir nun 50% se a persoa solicitante ten o título de familia numerosa e nun 25% se está en posesión do Carné Xove. Terán preferencia as persoas que non participasen no programa en anos anteriores e as que residan habitualmente no domicilio familiar.
Para máis información pode acceder aos dípticos divulgativos publicados en galego e castelán e en versión en lectura fácil e aos seguintes documentos: