Xa vos falamos de Linkedin como rede social obrigatoria. Temos que estar presentes en Linkedin para crear relacións profesionais e estar informados sobre a actualidade do noso sector. Pero tamén é importante para as empresas reservar un espazo na rede social profesional de referencia; serve para presentar produtos e servizos e para conectar con empregados e con outras empresas e profesionais de interese.
Engadir unha páxina de empresa
Creamos unha páxina de empresa para dar información sobre os nosos servizos, oportunidades laborais, etc. Antes de comezar, que saibades que necesitades un dominio distintivo de correo electrónico; por exemplo: info@onomedaempresa.com. Non podemos crear unha páxina de empresa en Linkedin se empregamos servizos de correo electrónico como Hotmail ou Gmail.
Para crear a páxina temos que ir á sección “Intereses” e facer clic en “Empresas” e en “engadir unha empresa”. O primeiro paso é engadir o nome e o enderezo de correo electrónico. Despois teremos a posibilidade de engadir unha descrición e información de contacto, e de completar a sección de produtos e servizos.
Empresas en Linkedin
Na sección Empresas do voso perfil de Linkedin podedes ver as actualizacións das empresas ás que seguides nas que comparten artigos de interese, ofertas de emprego, etc. Tamén podemos acceder a unha lista de suxerencias que Linkedin nos fai de “Empresas que poderiamos seguir”, baseadas no sector profesional no que nos movemos e na nosa lista de contactos.
Por último, temos acceso a un buscador no que localizar empresas por relación (que manteñan un vínculo cos nosos contactos ou cun contacto dun contacto), ubicación, oportunidades de emprego, sector, tamaño da empresa, etc.
Non esquezas que…
… antes de crear a vosa páxina de empresa debedes consultar as condicións de uso e a política de privacidade de Linkedin. Que normas temos que respectar en Linkedin? Como trata esta rede social os datos da miña empresa?



