“Nós somos o noso propio produto a vender. Véndete como tal, faite visible, bota man das redes sociais para amosar o que fas”

reportuitera_foto_by_sue_rainbow

Foto Sue Rainbow. Logo reportuiteo nacuweb.com

Esta semana estamos a falar de novos perfís profesionais na era dixital. Un exemplo é o de Laura Camino, antes xornalista e agora reportuiteira de eventos. Entre outras cousas, pedímoslle algúns consellos para iniciar un camiño rendible no mundo da comunicación 2.0.

Que é o reportuiteo?

O reportuiteo é a cobertura informativa a través de Twitter. De feito o subtítulo que leva incorporado é o de ‘xornalismo en 140 caracteres’, que destaca as súas dúas características principais e esenciais: a miña formación xornalística como garante profesional da actividade, e o formato específico a través de tweets. É, na práctica, a expresión dixital do xornalismo tradicional, axudado de ferramentas que lle dan o valor engadido da difusión, a inmediatez e a interactividade. Esa sería a definición da actividade do reportuiteo. Como servizo, que eu vendo, é un produto que comprende tres ‘subproductos’: o reportuiteo como tal, cunha difusión inmediata dos contidos do evento en cuestión, de forma ordenada, coherente e estruturada e combinando texto con foto e vídeo; un resumo tuiteiro inmediato, a través da ferramenta Storify; e unha crónica xornalística posterior, útil como post para un blog, como nota de prensa ou como texto para un informe de resultados no caso dun congreso/evento… A maiores, se lle poden sumar outras tarefas extra como o monitoreo de alcance dos contidos en redes sociais ou mesmo un traballo de dinamización previa e posterior do evento.

Como foi a viaxe dende o xornalismo clásico ata a comunicación 2.0? En que momento decides dar o cambio e por que?

Mentiría se dixese aquelo de ‘chegado un momento da miña vida decidín apostar e arriscarme…’. A miña saída do xornalismo tradicional foi obrigada. Como moitos outros compañeiros, quedei en paro despois de dez anos traballando en redacción, co triste peche de Galicia Hoxe, diario do Grupo Correo Gallego. Unha vez me vin sen traballo, e ante o panorama de dobre crise, a económica en xeral e a do xornalismo en particular, entendín que nada podía facer se quería reincorporarme a unha redacción mantendo a mesma perspectiva. Así que me reciclei, como moitos fixeron tamén, cara ás redes sociais, segura de que calquera traballo relacionado coa comunicación pasa inevitablemente polas ferramentas dixitais. Formeime como Community Manager, traballei a miña marca persoal de forma dixital e descubrín a miña grande paixón por todo o que teña que ver coa comunicación 2.0. O reportuiteo xurdiu dun constante interese por actualizarme e aprender, o que me levou a acudir aos cada vez máis frecuentes eventos de formación e ponencias relacionadas coa web 2.0 e o emprendemento. E foi case por casualidade: un día empecei a reportuitear, e desde aquela xa non deixei de facelo. Agora convertín o reportuiteo nese plus que me otorga a necesaria visibilidade para facerme un oco no mercado laboral.

Por que Twitter?

Sempre defendín, e sígoo facendo, que Twitter é unha ferramenta esencial para os xornalistas. A súa inmediatez, o seu gran potencial de difusión e a facilidade para integrar diferentes formatos multimedia convírtena nunha plataforma que, ao meu entender, debería ser mesmo obrigatoria en calquera carreira ou vía de formación relacionada coa comunicación, con Xornalismo á cabeza. Tuitear non é máis que facer titulares, e se hai algo que os xornalistas sabemos facer é titular, é a nosa rutina diaria. No meu caso, ademais de permitirme desenvolver o reportuiteo, foi a plataforma que me deu a oportunidade de venderme, de construir e xestionar a miña marca personal. Sen Twitter non habería nada de esto. De feito, nin sequera habería esta entrevista, supoño.

Reportuiteo, e que máis?

Estou capacitada para calquera labor relacionada con gabinete de comunicación, construcción de marca e imaxe corporativa dixital, todo o referente á estratexia de xestión e xeración de contido en redes sociales e deseño e manexo de plataformas como WordPress. O exemplo máis recente deste último punto é a web de The Net Room, cento por cento da miña autoría, e penso que con bo resultado.

reportuitera_by_xoga

Foto Xoga. Logo reportuiteo nacuweb.com

Formación + traballo + visibilidade = traballo rendible? Hai un oco para máis profesionais coma ti neste mercado?

Desde logo que o mercado actual ten unhas demandas moi diferentes ás tradicionais. Fronte a grandes profesionais con curriculums integrais, o que buscan os empregadores son persoas con destrezas en tarefas moi concretas. É o momento da especialización, e polo tanto a formación e actualización continuas son un requisito ineludible para quen estea buscando emprego. Non esquezamos que é un mercado moi saturado que nos obriga a facernos ver e demostrar a nosa valía, e nesa tarefa as redes sociais son unha ferramenta esencial para o marketing persoal. Hai que venderse, hai que traballar duro e, sobre todo, facer ver ese esforzo e profesionalidade. Ao mesmo tempo, é hora de que os empregadores entendan dunha vez que apostar polo papel dos xestores de redes sociais e estratexias dixitais nas súas empresas non é un gasto senón un investimento, sempre que se faga atendendo á profesionalidade da persoa que pon ao cargo dese posto. Calquera se expresa en redes sociais, iso é sinxelo, pero non todo o mundo sabe comunicar. Na formación está a diferenza.

3 consellos para xornalistas, comunicadores, publicistas…, que queiran iniciar una carreira profesional na rede

Non me vexo acreditada como para dar leccións de experta, pero sempre que me preguntan resposto baseándome na miña experiencia, e se hai algo que a miña vivencia me ensinou é que…:

  • Non debemos buscar traballo senón atopar clientes. Non agardes a que che veñan buscar á casa ou arrincarte do ordenador para ofrecerche un traballo, porque non o farán.
  • Nós somos o noso propio produto a vender. Véndete como tal, faite visible, bota man das redes sociais para amosar o que fas.
  • Fai contactos. Ese concepto das ‘sinerxias’, que tan tópico me pareceu sempre, connvertiuse co tempo nunha máxima da miña evolución profesional. A rede de contactos, o networking, a entrega de tarxetas de visita (en papel, si, non só virtuais) será a que che guíe cara a consecución do teu obxectivo. No meu caso foi así, e gracias a esa rede hoxe estou onde me propuxen estar. No tramo que me queda de camiño, que non é pouco, seguirei alimentando esa rede. Seguro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.