Lembrades o post no que repasabamos os conceptos básicos de Vimeo? Definiamos Vimeo como ‘alternativa a Youtube para compartir vídeos na rede’; pero esta rede social é ademais unha ferramenta moi interesante para calquera empresa.
Para comezar convén repasar as directrices sobre contidos comerciais; as empresas non poden empregar as contas básica ou Plus de Vimeo para aloxar vídeos. Se queremos cargar vídeos con fins comerciais temos que empregar Vimeo PRO.
Que entende Vimeo por contido comercial?:
- Vídeos que promovan ou representen unha empresa ou marca.
- Vídeos que conteñan calquera tipo de publicidade.
- Contido que teñamos a intención de vender.
- Demostracións e tutoriais de produtos.
Pero hai unha excepción: se sodes unha empresa de produción independente ou un autor, artista ou organización sen ánimo de lucro, podedes empregar calquer tipo de conta en Vimeo.
Cales son as vantaxes de ter unha conta Vimeo PRO? Entre outros beneficios, dispoñemos de ata 1.000 GB de almacenamento, asistencia VIP (respostas por correo en menos de 24h), vídeos en alta definición, estatísticas avanzadas dos nosos vídeos, compatibilidade con móbil, tablet e tv, etc.
Ademais, podemos vender o noso traballo a través de Vimeo On Demand; é o sitio perfecto para aloxar o portafolio de vídeos da nosa marca.



