En Xente Dixital xa vos falamos do pacto tecnolóxico asinado en xullo entre a Xunta e 10 empresas do sector TIC a nivel nacional e internacional e o Cluster TIC de Galicia. Un dos primeiros froitos deste acordo é o Centro de Emprendemento TIC que está a punto de botar a andar na Cidade da Cultura. Servirá como punto de encontro para os emprendedores do sector, para que poidan desenvolver os seus proxectos e recibir orientación e formación.
A finais de ano asinábase un acordo entre a Xunta e Telefónica para que o centro de coworking sexa unha realidade no 2014. Ofrecerase a 60 emprendedores do eido tecnolóxico un espazo para que poidan desenvolver simultaneamente os seus proxectos e recibir asesoramento cun programa de actividades permanente e persoal de apoio.
O Centro de Emprendemento TIC ocupará unha superficie de 420 metros cadrados nas instalacións da Cidade da Cultura e a iniciativa desenvolverase en dúas fases: na primeira levaranse a cabo labores de captación de proxectos e porase en contacto a emprendedores e investidores, e na segunda o obxectivo é que o centro se convirta nunha aceleradora de proxectos no ámbito TIC.
Coworking en Galicia
Esta semana falaremos con algún dos espazos de coworking con máis traxectoria en Galicia. Que vantaxes ten? Que perfís profesionais se adaptan a un espazo de coworking?



