O sábado celebramos o Día das Letras Galegas e o Día de Internet. Cal é o estado de saúde do galego na rede? Esta semana en Xente Dixital repasamos obxectivos acadados e retos por conseguir.
O fito máis importante dos últimos tempos foi a consecución do dominio .gal. Conseguiuse grazas ao traballo da Asociación PuntoGal co apoio de toda a sociedade galega. A Asociación, que naceu para conseguir un dominio propio en internet para a lingua e a cultura galegas, contou tamén co apoio institucional e financeiro da Administración autonómica.
O 11 de novembro do ano pasado, PuntoGal e a ICANN (organismo que xestiona a rede a nivel mundial) asinaban o contrato de creación do domino. Era o punto e final a sete anos de traballo de toda a sociedade galega. Despois dunhas cantas probas técnicas, o pasado 12 de abril, Nic.gal convertíase no primeiro .gal activado pola ICANN. A posta en marcha desta primeira páxina, de carácter técnico e para probas, supón a delegación formal do domino. Pronto poderedes rexistrar as vosas webs co dominio .gal; antes farano as administracións públicas e entidades cunha traxectoria probada de promoción da lingua e da cultura galegas.
Aproveitando a dobre celebración, o mércores publicaremos unha entrevista a Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal; preguntarémoslle pola importancia de conseguir o dominio .gal e pedirémoslle a lista de tarefas pendentes do galego en internet.
O vindeiro venres 16, véspera do Día das Letras Galegas e do Día Mundial de Internet, PuntoGal celebrará un acto para informar sobre as fases de lanzamento do dominio, e os prazos, prezos e requisitos para acceder a un dominio .gal. A primeira páxina web creada baixo o dominio .gal recollerá toda esta información e será activada no transcurso do evento polo presidente da Xunta de Galicia. Intervirán no acto, Manuel González González, presidente de PuntoGal, e Xosé Antonio Gómez Segade, Catedrático de Dereito da USC.
Redes sociais en galego
Seguro que lembrades a campaña para conseguir un Twitter en galego. Conseguíase en febreiro do ano pasado grazas ás campañas que animaban aos usuarios a solicitalo e ao traballo feito polos voluntarios no Centro de Tradución de Twitter. Antes xa se podía ter o Facebook ou o Tuenti en galego.
Cantos sabiades que podedes empregar unha rede social galega? Seguro que moitos porque Cabozo é unha das 50 webs máis visitadas en Galicia. Acaba de cumprir 6 anos e non deixa de gañar seguidores.



