Comezabamos a semana facendo balance da Axenda Dixital 2014 .gal, repasando as principais actuacións feitas no sector tecnolóxico e en infraestruturas entre o 2009 e o 2013. Na segunda parte do balance atendemos a administración e a cidadanía.
Cambios na administración
Un dos eixos de actuación da Axenda Dixital é a modernización dos servizos públicos. Xa vos falamos da sede electónica da Xunta que permite resolver máis de 600 procedementos a través de internet. E do Rexistro Único; no 2013 había 35 oficinas de rexistro integradas e contabilizáranse máis de 840.000 entradas telemáticas. O Nodo de Interoperabilidade, que permite a interconexión entre a administración local, autonómica e estatal, rexistrou 322.000 consultas no 2013.
Ademais, en Xente Dixital presentámosvos algunhas das 10 aplicacións móbiles da Xunta. Por outra banda, no 2013 presentouse a aplicación eServizos que conta con información dos centros de servizos da administración galega.
Sanidade, educación e xustiza na Axenda Dixital
Galicia é unha das comunidades líderes en implantación de Historia Clínica Electrónica, da ereceita, dos sistemas de imaxe dixital e da telemedicina. Hoxe preto do 98% das receitas son tramitadas de modo electrónico e o 100% dos centros de atención primaria poden acceder á telemedicina. Ademais, o 10’5% das citas previas pedíronse por internet.
En canto á xustiza, destaca a posta en marcha de e-Xustiza, para facilitar relación da cidadanía coa administración xudicial. No ámbito educativo, destaca o Proxecto Abalar do que vos falamos en varios posts e que beneficia a preto de 45.000 alumnos.
Cidadanía dixital
Xa escribimos e volveremos escribir sobre a Rede CeMIT: 98 aulas en 92 concellos que no 2013 ofreceron máis de 40.000 horas de formación dixital gratuíta.
Por último, non podemos esquecer o Programa de Voluntariado Dixital. Conta con 340 voluntarios e a participación de 78 entidades de acción social. As actividades do programa beneficiaron no 2013 a 4.300 persoas.