Os que nos adicamos a crear contidos para internet sabemos que no verán é moi probable que descendan o número de visitas aos sitios para os que escribimos. Que temos que adaptar os contidos á época do ano. Pero isto non quere dicir que nos conectemos menos: somos incapaces de desfrutar das vacacións sen compartilo en redes sociais. Que se vai levar en social media este verán?
- Vine. Sodes usuarios de Vine? É a app desenvolvida por Twitter para crear e compartir vídeos curtos. A introdución dos vídeos en Instagram parecía que podía perxudicala pero cada vez son máis os usuarios e as marcas que a usan.
- Os weareables. As marcas están a anunciar cada vez máis este tipo de dispositivos. Seguro que este verán comezamos a ver xente consultando o seu correo electrónico ou as mensaxes de Facebook nun reloxo ou nunha pulseira.
- Localización. Nearby Friends (amigos preto) é a proba da importancia que lle da Facebook aos servizos de localización. Por outra banda, están a xurdir aplicacións que entran en competencia directa con Foursquare, a rede social de xeolocalización máis popular.
- Os vídeos de Instagram. No timeline de Instagram aparecen cada día máis vídeos. Son vídeos que poden ser máis longos que en Vine e que podemos compartir facilmente noutras redes sociais como Facebook ou Twitter.
- Hashtags. Primeiro foi en Twitter, despois en Facebook e agora en Google+. Incluso os empregamos nas conversas en Whatsapp. É unha boa maneira de compartir e buscar contidos.
- Buscas sociais. Facebook e Google+, por exemplo, dan moita importancia ás buscas sociais. A través dos hashtags ou das listas de intereses, podemos atopar contidos relacionados cos nosos intereses con facilidade.
- Publicidade nativa. Publicidade adaptada ás plataformas sociais, aliñada cos contidos que consumimos e cos intereses de cada usuario. É a mellor maneira de conseguir clics nas actualizacións ou anuncios.
- Contido lifestyle. Ou marketing de contidos… Anglicismos que significan que as marcas están a darse conta de que a mellor maneira de captar clientes na rede é ofrecerlles contido de interese, máis alá dos seus produtos e servizos.
- Mellor deseño móbil. As páxinas web adaptadas aos dispositivos móbiles son obrigatorias. Cada vez conectámonos máis a través dos dispositivos móbiles. Se non o temos en conta seremos invisibles para unha porcentaxe importante de usuarios.
- Os influencers. Hai usuarios cunha comunidade importante de seguidores en Facebook, Twitter…, que, ademais de compartir contidos relacionados co seu ámbito de traballo, invitan a mercar os produtos das marcas que os contratan. Molesto pero efectivo.
Fonte: lorenafdezblog.com.


