A semana pasada, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Amtega, presentaban as novas páxinas web da área de Cultura e do Sistema Galego de Museos. Comezamos presentándovos as principais novidades da web cultura.xunta.es.
A Secretaría Xeral de Cultura renova a súa web co obxectivo de facilitar o acceso á información administrativa do departamento, e de aumentar a difusión de información cultural e da programación de actividades. Buscouse un deseño sinxelo, claridade na exposición de información e unha web usable, na que sexa doado navegar.
A información organízase por áreas de interese no eido cultural: dinamización da cultura e patrimonio cultural. Mantéñense as principais seccións da web como contidos destacados, información de equipamentos e normativas, etc., e incluíronse contidos ata agora presentes noutros portais da Secretaría Xeral de Cultura. Por último, daráselle moita importancia ás convocatorias públicas (axudas, bolsas, premios, etc.), autonómicas e doutras administracións.
Todos os contidos da páxina estarán dispoñibles en galego e castelán.
A axenda
A principal novidade do portal é a axenda “Cultura de Galicia”; unha referencia para a información de eventos culturais celebrados en Galicia. A axenda incorporará os eventos de todos os organismos e entidades dependentes das secretarías de Cultura (Agadic, Cidade da Cultura, Bibliotecas, etc.) e Política Lingüística. A solución técnica empregada permitirá que as webs dalgunhas desas entidades incorporen automaticamente os eventos da axenda “Cultura de Galicia”.
A axenda permítenos suscribirnos por RSS, incorporar un widget na nosa web, marcar eventos que nos interesen e incluso descargalos en PDF. Podemos programar un aviso sobre un evento e o sistema enviaranos un correo electrónico.
O mércores navegaremos e presentaremos as principais novidades do novo portal do Sistema Galego de Museos: museos.xunta.es.



