Se o luns visitabamos o novo portal web da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta, hoxe entramos na nova páxina web do Sistema Galego de Museos: museos.xunta.es.
Os museos de Galicia contan cunha nova web máis visual, responsiva (na que podemos navegar a través de ordenadores ou dispositivos móbiles) e dispoñible en galego, castelán e inglés. O obxectivo era crear un espazo atractivo para chamar a atención dos potenciais visitantes dos museos e coleccións visitables de Galicia.
O portal ofrece información actualizada de novas, exposicións e actividades. Inclúese a información imprescindible dos 82 museos e coleccións visitables de Galicia: descrición e fotos, información de localización, horario, tarifas e contacto. Dos 10 museos xestionados pola Xunta engádese información sobre como organizar a visita (como chegar, accesibilidade, visitas guiadas, etc.), servizos (biblioteca, tenda, etc.) e como se distribúe o contido do museo nas diferentes salas.
Contidos multimedia
Na nova web temos acceso a contidos multimedia que nos permiten achegarnos aos fondos dos museos da Xunta. Contén imaxes tridimensionais de pezas do Museo das Peregrinacións, o Arqueolóxico de Ourense, o Museo de Belas Artes, o Etnolóxico de Ribadavia, o Museo Massó e o do Castro de Viladonga, e imaxes fotográficas do Mupega e o Museo do Mar de Vigo. Cada imaxe está acompañada dunha completa ficha descritiva.
Ademais, podemos realizar visitas virtuais do Museo Massó, do Conxunto Etnográfico do Cebreiro e do Museo e o Castro de Viladonga.
Por último, o portal conta cunha sección para profesionais con información sobre a xestión de museos da Xunta, os procedementos administrativos máis habituais, normativa, bolsas, convenios de prácticas, etc.


