Non é a primeira vez que vos falamos de Red.es, entidade pública que traballa para a implementación das TIC na sociedade española creando programas de formación e asesoría para pemes e emprendedores. Comezabamos a semana falándovos das axudas de mentoring en comercio electrónico pero, sabedes que plans teñen para o 2015?
No 2015 Red.es contará cun orzamento de 200 millóns de euros (80 millóns no 2014), coincidindo coa finalización do período de programación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Fenda dixital cada vez máis estreita
Un dos principais obxectivos de Red.es é reducir a fenda dixital que hai coa Unión Europea no uso das tecnoloxías da información e a comunicación. Cesar Miralles, director de Red.es, explicaba a finais de agosto que debemos agardar aos estudos que comparen a situación de empresas que recibiron axudas coas que non para comprobar a efectividade dos programas desenvolvidos.
No caso de Galicia, en Xente Dixital compartiamos a finais de xullo as principais conclusións sobre o “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”. Entre outros datos, nos últimos cinco anos duplicáronse os fogares galegos con internet de banda larga.
Unha oportunidade para as pemes
En Xente Dixital adicamos varios posts á Axenda Dixital de Galicia 2014 e ás actuacións que afectan a Sector TIC, infraestruturas, administración e cidadanía. E agora estamos a pedir a vosa colaboración para a elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020. Entre os próximos desafíos que debemos aceptar, está o de responder á pregunta “Que farías para aumentar o uso das novas tecnoloxías nas empresas?”. As respostas influirán directamente nos programas que a Administración vai a presentar nos próximos anos.
Red.es organiza todos os anos o Foro Internacional de Contidos Dixitais (FICOD) que se celebrará en Madrid no mes de decembro. Punto de encontro para empresas, emprendedores, inversores e estudantes, busca amosar o potencial de España como creador de produtos dixitais de calidade. O acceso é totalmente gratuíto.


