Máis servizos para o CDTIC

servizosnovosCDTIC

A Amtega vén de ampliar a lista de servizos que ofrece no CDTIC a pemes e autónomos. Dende xa podedes beneficiarvos das consultas TIC, do servizo CDTIC virtual e do servizo de streaming. En que consisten?

O servizo de consultas TIC ten como obxectivo resolver dúbidas sobre solucións tecnolóxicas dispoñibles para profesionais autónomos e pemes. Só hai que cubrir o formulario habilitado na web do CDTIC e recibirase unha resposta nun prazo máximo de 96 horas. Dende o Centro buscarase dar alternativas de calidade e referencias a solucións libres que cubran as necesidades expostas.

O servizo CDTIC virtual ofrécenos a posibilidade de analizar e probar solucións empresariais libres aloxadas na nube. Poderemos avaliar a utilidade das solucións dispoñibles para o noso sector. Só hai que solicitalo na web e tras estudar a petición habilítase un período de proba. A través da aplicación Owncloud (solución libre para dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube), proporciónase unha infraestrutura para probar un servizo sen a necesidade de que a empresa dispoña da mesma.

Un exemplo de solución empresarial libre é a aplicación Xeshostal que permite a xestión en liña de establecementos hostaleiros; foi liberada o ano pasado pola Amtega en colaboración coa Axencia de Turismo.

Por último, o servizo de streaming está destinado a persoas que queiran asistir ás actividades do CDTIC pero que non poden desprazarse ata as súas instalacións. Dende agora só se necesita un dispositivo con conexión á rede para seguir os actos dende calquera lugar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.