Na lista de guías prácticas de Xente Dixital podedes atopar varios posts nos que escribimos sobre Linkedin. Rede social obrigatoria para calquera profesional que se move nunha contorna online e canle de comunicación cada vez máis importante para as empresas. No post de hoxe dámosvos 5 consellos para promocionar o voso negocio en Linkedin.
Perfís de empresa
O primeiro paso é obvio pero é importante subliñar a importancia de contar cunha páxina de empresa de Linkedin. É o sitio no que publicar información sobre o negocio en Linkedin, compartir información sobre o sector profesional ao que pertence ou estar en contacto con profesionais cos que colaborar, por exemplo. Os empregados dunha empresa deben conectar con ela en Linkedin e compartir información de interese, participar en grupos, etc.
Crea contido para Linkedin
Como en Facebook ou Twitter, é importante actualizar periodicamente a vosa páxina de empresa. Compartide novas publicadas no blog corporativo, novos servizos, novas de interese para o sector, etc. Compartir contido de calidade faravos cada vez máis visibles entre os profesionais do voso sector.
A túa empresa no teu perfil
Ademais das páxinas de empresa, os perfís persoais seguen a ser unha ferramenta moi importante. En Linkedin comportámonos como profesionais vinculados a unha marca. É importante que se vexa que facemos na empresa, en que proxectos participamos, que se poida acceder a outros perfís de redes sociais nas que participemos, etc.
Os grupos
Os grupos de Linkedin permítennos compartir novas, ofertas de emprego, abrir debates… É unha maneira de saber que ocorre no sector e de estar en contacto con outros profesionais. Cando nos suscribimos a un grupo chégannos avisos por correo electrónico da actividade recente.
Publicidade
En Xente Dixital pronto compartiremos información sobre as plataformas publicitarias das redes sociais máis importantes: Facebook, Twitter, Linkedin, etc. Antes de crear anuncios en Linkedin tedes que pensar se o voso público obxectivo está nesta rede social. Podedes segmentar por cargo e función laboral, por sector e tamaño da empresa, por grupos de Linkedin, etc. Págase por impresións (cando un usuario ve o anuncio) ou por clics nos anuncios.


