Comezamos a semana repasando algúns conceptos básicos sobre open data e onte visitabamos o portal público datos.gob.es, parte fundamental do Proxecto Aporta. Dentro do mesmo proxecto, vén de publicarse o “Informe de Tendencias e Iniciativas actuais de Datos Abertos” no que se recollen as últimas tendencias relacionadas con accións e estratexias internacionais, para fomentar a publicación e uso de datos abertos.
Se facedes clic aquí podedes consultar a lista completa de actuacións nos distintos países. Das tendencias xorden algunhas conclusións e recomendacións:
Políticas e lexislación
Neste ámbito recoméndase, entre outras cousas, ampliar as obrigas normativas de publicación de datos ao sector privado comezando por sectores clave: prestatarios de servizos básicos, axentes que reciban axudas do sector público, etc. Tamén se invita a establecer unha licenza única que unifique criterios para a publicación e reutilización de datos, e a fomentar o principio de gratuidade para o acceso a esa información.
Interacción coa comunidade
Neste caso cómpre promocionar unha comunidade de open data en España independente cunha dotación mínima de recursos pero auto-xestionable, que facilite a unidade dos axentes implicados e as conexións entre os distintos niveis administrativos. Ademais temos que elaborar guías e materiais que fomenten a reutilización dos datos e fomentar a temática dos datos abertos nas redes de innovación pública.
Publicación de datos
Primeiro hai que facer un estudo sobre a dispoñibilidade de datos en España e a súa calidade que sirva como base dun inventario nacional. Despois aplicaranse estratexias de publicación de datos dirixidas por necesidades e casos de uso xa analizados. A publicación de datos debe facerse baixo temáticas específicas e non seguindo estruturas administrativas.
Infraestruturas e ferramentas
Está pendente a tarefa de humanizar as tecnoloxías linked data proporcionando ferramentas que abstraian aos usuarios da súa complexidade e que axuden a facer a transición de contornas de investigación a contornas reais. Cómpre diferenciar entre ferramentas e servizos orientados a perfís técnicos e os enfocados a un público máis xeral.
Comunidade global
Con respecto á comunidade global, recoméndase adherirse formalmente aos principios do Open Data Charter. E fomentar a participación en proxectos europeos das empresas e entidades que traballan na área dos datos abertos. Por último, temos que buscar alianzas estables con outros países europeos en busca de sinerxias, intercambio de experiencias e compartición de recursos.


