Para rematar a semana que adicamos ao open data, queriamos compartir un exemplo de reutilización de datos abertos. A Fundación CTIC presentaba este verán un estudo sobre os beneficios reais da reutilización da información do sector público. En concreto, o estudo reflexa os beneficios derivados da exposición de información pública relativa ao transporte público do Concello de Gijón.
Reutilización por parte de empresas privadas e negocios locais
Despois de que a empresa de transporte de Gijón EMTUSA (Empresa de Transporte Urbano S.A.) abrise o acceso á información de horarios, liñas, paradas, etc., xurdiron aplicacións como Bus Gijón ou Gijón en Bus, ou a aplicación de realidade aumentada construída para Layar.
Por outra banda, en Gijón hai varios negocios locais que instalaron tabletas para que os seus clientes poidan saber cal é o estado da parada de bus máis cercana.
Reutilización por parte da Administración
Comprobados os efectos positivos do open data, concello e compañía de transportes traballaron na publicación da información da compañía e na mellora do servizo a través da web e da aplicación móbil. Ademais instalouse unha pantalla no interior do principal hospital da cidade na que se amosa o estado da parada de bus do exterior (tempo estimado para a saída do próximo autobús e destino). Trátase dun sistema que executa aplicacións similares ás anteriores, sensiblemente máis barato que as pantallas LEDs tradicionais, habituais nas paradas de autobuses.
abert@s
No portal de open data da Xunta podedes descubrir as aplicacións desenvolvidas grazas á apertura de datos do sector público galego. Que aplicación cres que se podería crear con estes datos?
Fonte: Fundación CTIC.



