Este é o título do estudo que ven de presentar o Osimga e que, entre outras cousas, analiza a incidencia da xente nova no equipamento e no uso das TIC nos fogares galegos.
Sobre o equipamento TIC dos fogares
Cos últimos datos na man, sabemos que o 89,6% dos fogares con nenos/as de entre 3 e 16 anos dispoñen dalgún ordenador. A porcentaxe descende ao 64% nos fogares onde non residen nenos. Cando se convive con estudantes de máis de 16 anos a dispoñibilidade de ordenador é aínda maior acadando o 95%.
Chama a atención que existe unha diferenza de máis de 20 puntos na contratación de internet en fogares con ou sen nenos de entre 3 e 16 anos (83,9% e 60,3%). En fogares con nenos, a contratación de internet aumentou máis de 10 puntos en tan só un ano. Por outra banda, o 92,2% das casas con estudantes de máis de 16 anos pode conectarse á rede. Cando non hai estudantes a porcentaxe descende ata o 62%.
Por último, a presenza de nenos provoca un aumento no interese nas novas tecnoloxías. Nalgúns fogares con nenos e estudantes non se contrata polo custo da conexión e se non hai xente nova as causas adoitan ser que non se considera necesario e os poucos coñecementos sobre as TIC.
Sobre o uso das novas tecnoloxías
En canto ao uso do móbil, destaca a fenda no uso do dispositivo para conectarse a internet e para sacar fotos e facer vídeos, entre a xente nova e os usuarios de máis de 35 anos.
O 93,4% das persoas de entre 16 e 34 anos empregou internet nos últimos 3 meses, descendendo ata un 53,5% entre os maiores de 35. A convivencia con nenos/as inflúe positivamente no uso de internet (78,8% de usuarios que se conectaron nos últimos 3 meses).
Na gráfica superior podedes consultar que uso fan da rede os distintos grupos de idade. Podedes completar a información coas compras online (29,9% nos usuarios de entre 16 e 34 anos e 22% nos usuarios de máis de 35) e coas xestións coa administración (69,9% na xente nova e 65,3% entre os maiores).





