Galicia lidera STAMAR, proxecto europeo para integrar solucións tecnolóxicas no sector marítimo

STAMAR

Esta semana estamos a falar de innovación tecnolóxica no sector primario. Un bo exemplo pode ser STAMAR –Escaparate de tecnoloxías aplicables a pemes do sector marítimo na Área Atlántica–, proxecto europeo liderado por Galicia.

A iniciativa está liderada pola Xunta a través da Amtega e conta coa participación da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e de 7 entidades de referencia en transferencia tecnolóxica, innovación e economía marítima de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal.

O obxectivo é que as pequenas e medianas empresas do sector marítimo coñezan as innovacións tecnolóxicas máis relevantes aplicaples ao seu sector para que poidan aplicalas aos seus procesos produtivos e mellorar a súa competitividade.

O proxecto, que remata este ano, contempla as seguintes actuacións:

  1. Catalogar as solucións tecnolóxicas existentes. Elaborar un portfolio transnacional das mellores tecnoloxías intensivas TIC existentes en cada rexión participante.
  2. Difundir as solucións TIC identificadas a través de xornadas de demostración. O obxectivo é que, polo menos, o 80% das pemes do sector en Galicia coñezan as solucións tecnolóxicas ao seu alcance.
  3. Fomentar o traballo conxunto na busca de colaboracións entre unhas 100 pemes e 14 centros tecnolóxicos ou de investigación, a través de 10 eventos de co-creación (2 deles en Galicia).
  4. Impulsar a transferencia tecnolóxica. Ademais de dar a coñecer as solucións tecnolóxicas, búscase impulsar a súa transferencia práctica. Selecciónanse 7 tecnoloxías (2 en Galicia) que aínda non están no mercado para ser valoradas, e realizaranse pilotos en pemes interesadas en incorporar estas solucións.

O CDTIC como punto de referencia

O CDTIC é o modelo a seguir polo resto de rexións participantes a modo de escaparate tecnolóxico. Trátase de impulsar o uso das TIC a través de asesoría, capacitación e formación. A semana que vén volveremos a achegarnos ao CDTIC para preguntar que actividades teñen previstas para as próximas semanas. Lembrade que podedes informarvos, asistir a actividades ou probar solucións TIC de xeito gratuíto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.