O Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza ACEint, ven de activar un servizo de vixilancia tecnolóxica para a xeración de alertas de oportunidades de negocio, dirixido, sobre todo, a empresas TIC orientadas a mercados internacionais.
O Igape colabora coa Universidade de Santiago e a axencia de desenvolvemento portuguesa BICMinho en ACEint. O obxectivo é impulsar a creación, o desenvolvemento e a internacionalización de empresas TIC para que actúen como catalizadores da competitividade na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Estanse a poñer en marcha distintos servizos e recursos para as empresas da eurorrexión, mellorando o acceso á información e ofrecendo asesoramento e formación. Un exemplo é o servizo xeral de alertas e oportunidades de negocio para o sector TIC que pon en marcha unha ferramenta de vixilancia de oportunidades no mercado internacional, con carácter permanente, para a creación de novas empresas TIC ou para novas liñas de negocio TIC innovadoras.
O sistema de alertas está deseñado a partir da integración e recompilación de información de observatorios, informes, bases de datos e sistemas de vixilancia existentes específicos para empresas e emprendedores TIC. O servizo xera un informe qunicenal que se envía aos emprendedores e empresas dados de alta no servizo. Se estades interesados podedes inscribirvos xa na web.


