Xa podedes inscribirvos para participar na segunda edición de Galicia Open Future. Nos últimos meses falámosvos dalgúns dos proxectos que se desenvolveron na primeira edición. Impulsada por Telefónica e a Xunta, Galicia Open Future ofrece a 50 proxectos empresariais innovadores a posibilidade de evolucionar a súa idea.
As empresas e profesionais interesados podedes presentar as vosas candidaturas ata o 15 de xullo. Tedes que cumprimentar o formulario que atoparedes na web galiciaopenfuture.org. En agosto, rematada a preselección inicial, darase a coñecer o nome dos 50 proxectos elixidos.
Que ofrece Galicia Open Future?
O programa, que ten unha duración de 6 meses prorrogables en períodos de 3 meses, ofrécelle aos emprendedores formación e adestramento especializado e adaptado ás diferentes fases de maduración do proxecto (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e ao modelo de negocio.
Os profesionais seleccionados poderán acceder á plataforma web openfuture.org para estar en contacto con emprendedores de todo o mundo que pertencen ao programa de innovación Open Future de Telefónica. O obxectivo é conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas a nivel mundial.
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) achega 2.000€ a cada proxecto. Superada a primeira fase de formación, un xurado seleccionará aos 3 mellores en función da súa achega a sectores estratéxicos de Galicia, do potencial de mercado, da viabilidade, etc. Estes 3 proxectos recibirán unha achega de ata 25.000€ da Axencia Galega de Innovación para a evolución do proxecto. Ademais poderán acceder a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia doutros 25.000€ como máximo.
O mércores recuperaremos algúns dos proxectos da primeira edición. Estades pensando en participar? Que idea queredes desenvolver?



Pingback: Pensando en apuntarte a Galicia Open Future? Recuperamos algúns dos proxectos da primeira edición - Xente Dixital